Silleda celebra os 25 anos do legado de Manuel Colmeiro cun programa de actividades culturais e educativas

O vindeiro venres día 4 haberá actos no IES que leva o seu nome, ofrenda floral no cemiterio de Margaride e un faladoiro sobre a súa obra

 

O Concello de Silleda organiza unha serie de actividades culturais para conmemorar o 25º aniversario do pasamento do recoñecido pintor galego Manuel Colmeiro Guimarás. As celebracións incluirán actos educativos e institucionais, co obxectivo de difundir o legado deste importante artista, considerado un dos renovadores da pintura galega  do século XX, que falecía o 1 de outubro de 1999.

Durante as últimas dúas semanas, o alumnado de 1º da ESO do IES Pintor Colmeiro participou en unidades didácticas centradas na vida e obra do pintor, baixo a coordinación do equipo docente. Esta colaboración culminará cun acto institucional o vindeiro venres 4 de outubro de 2024, ás 12:00 h, no propio IES Pintor Colmeiro. A programación matinal, organizada en colaboración co instituto, incluirá unha benvida musical a cargo do alumnado, e intervencións de Laura López Peña, directora do centro; Paula Fernández Pena, alcaldesa de Silleda; e Adrián Penido, ex-alumno do centro e artista plástico.

Durante esta xornada, estarán expostas as creacións do alumnado de 1º da ESO, quen traballaron sobre o estilo pictórico de Manuel Colmeiro, recreando a súa técnica e visión artística.

Ás 13:00 h, está prevista unha ofrenda floral no cemiterio de Margaride, onde descansan os restos do pintor. O acto contará coas palabras de Carmen Castro e a música de Manuel Fernández Alén (Vicero).

Xa pola tarde, o Concello de Silleda organizará, ás 18:00 h, un faladoiro con artistas e profesionais vinculados á obra de Manuel Colmeiro, ao que están convidados artistas locais. O encontro contará coa participación de figuras destacadas como:

  • Alba Corral Colmeiro, neta do pintor, moi vinculada ao seu legado.
  • Mónica Alonso, artista e comisaria, que realizou unha importante investigación sobre a cor na obra de Colmeiro.
  • Carlos Bernárdez, historiador da arte e comisario de exposicións sobre o pintor.
  • Carmen Lareo, presidenta da Fundación Paco Lareo – A Solaina de Piloño, que promove o patrimonio cultural da comarca.
  • Cecilia Doporto, doutora en Historia da Arte e comisaria do museo Ramón María Aller.

Este faladoiro servirá como espazo de reflexión sobre a traxectoria de Colmeiro e a súa influencia na arte contemporánea, sendo unha oportunidade para artistas locais e o público de explorar o impacto da súa obra​.