O Concello de Silleda colabora coa campaña #súmatedoasangue

Silleda, venres 21 de xullo.- O Concello de Silleda e a Axencia Galega de Doazón de Sangue e Órganos (ADOS) impulsan a participación dos veciños e veciñas nas campañas de doazón de sangue para garantir o labor dos hospitais galegos, que precisan 10.000 doazóns de sangue cada mes para atender a todos os doentes.

As épocas do ano de maior dificultade para a doazón de sangue coinciden cos meses de verán. Os enfermos ingresados nos hospitais galegos seguen a precisar a solidariedade dos veciños e veciñas, e por iso, o Concello distribuirá material informativo para tratar de incrementar a participación.

Poden doar sangue as persoas entre 18 e 65 anos e que pesen máis de 50 quilos. Persoal sanitario revisará a saúde das persoas que se acheguen ata a unidade móbil de ADOS, antes de levar a cabo a doazón de sangue:

 

En Silleda a Unidade Móbil de Doazón de Sangue estará o vindeiro mércores 26 de xullo na avenida do Parque, xunto á parada de taxis, durante toda a xornada, en horario de 10.00 a 14.00 e 16.00 a 21.00 horas

Silleda acadou o pasado ano 2016 unha taxa de 61 doazóns por cada 1.000 habitantes e o obxectivo é manter as cifras que recomenda a Organización Mundial da Saúde (40 a 60 doazóns por cada 1.000 habitantes).

Dende o Concello de Silleda, a responsable do departamento de Sanidade, Pilar Peón, e a Axencia Galega de Doazóns de Sangue e Órganos Queremos fan un agradecemento especial as persoas que participan cada ano nas campañas de doazón de sangue. Grazas a este xesto solidario, os hospitais atenden aos enfermos de cancro e leucemia e levan a cabo, cada día, unha media de 2.700 urxencias, 500 intervencións cirúrxicas e 3 transplantes de órganos e tecidos.