Silleda, 25 de outubro de 2013. O goberno municipal de Silleda vén de aprobar un total de cinco actuacións para concorrer á subvención de proxectos dinamizadores das áreas rurais para proxectos de aforro enerxético e fomento do uso de enerxías renovables.
Trátase de iniciativas para mellorar a dotación en materia enerxética en distintas instalacións públicas, do ámbito da educación e do deporte.
Así, proponse realizar no CEIP de Silleda unha instalación fotovoltáica conectada á rede, con unha inversión de 53.600,28 euros, e tamén unha instalación similar no pavillón municipal César González Fares de Silleda, o que significaría unha inversión de 32.822,52 euros.
Así mesmo, o Concello de Silleda concorrerá ás axudas, cofinanciadas con Fondos Feder, para dotar de auga quente aos vestiarios dos campos de fútbol de Bandeira, Lamela e Laro.
Nestes tres casos proponse a instalación de paneis solares térmicos, cun orzamento de 8.315,12 euros en cada un dos tres campos de fútbol.
“Agardamos que estes proxectos reciban o visto bo por parte da Xunta para acometer as actuacións propostas, que suporán, ademais de unha mellora nas distintas instalacións, importantes niveis de aforro no tocante ao consumo de enerxía eléctrica”, sinala o alcalde e concelleiro de Obras, Manuel Cuíña.
O rexedor lembra que a aposta polas enerxías renovables para o aforro enerxético é unha das premisas dixadas dende o goberno municipal, con inciativas coma esta ou a que se instalará nas próximas semanas no polígono empresarial Área 33 de Silleda, para subministro, mediante placas solares fotovoltáicas, do alumeado público neste recinto.