O Concello de Silleda consulta á veciñanza sobre a creación de hortas urbanas no municipio nunha enquisa

 

O Concello de Silleda está a avaliar a posibilidade de habilitar un espazo próximo ao casco urbano para que a veciñanza poida plantar e xestionar a súa propia horta. Co obxectivo de coñecer o interese real da cidadanía, habilítase unha enquisa en liña para recoller opinións e valorar a viabilidade deste proxecto (preme aquí).

A iniciativa pretende crear un espazo accesible, onde as persoas poidan desprazarse andando desde o casco urbano, fomentando hábitos saudables e sostibles. Segundo destacou a alcaldesa, Paula Fernández Pena, “queremos ofrecer unha oportunidade para que aquelas persoas que o desexen recuperen o contacto coa terra, cultiven a súa propia horta e promovan hábitos de consumo responsables, pero entendemos que este proxecto só será posible se conta co interese e a implicación da cidadanía.”

A proposta contempla un modelo de autoxestión, o que implica que as persoas participantes serán responsables do funcionamento diario das hortas. “Este enfoque non só reforza o compromiso coa sustentabilidade, senón que tamén fomenta o sentimento de comunidade entre aquelas persoas que decidan participar no proxecto”, engadiu Fernández Pena.