Trátase dunha iniciativa que axudará aos estudantes a ter un primeiro contacto co mundo laboral antes de rematar a etapa universitaria
O convenio asinado a comezos deste mes entre o Concello de Silleda e a Universidade de Vigo para a realización de prácticas académicas na entidade local xa se puxo en marcha coa incorporación dunha estudante da citada universidade que vén de rematar o grao en Ciencias Ambientais.
A silledense Iria Moreira Suárez incorporouse o pasado día 22 e realizará prácticas extracurriculares no Concello ata o vindeiro 28 de agosto realizando distintas tarefas no departamento municipal de Transición Ecolóxica, que dirixe o concelleiro Manuel Requeijo.
Proxectos como a xestión de biorresiduos, no que o municipio de Silleda é pioneiro coa implantación do colector marrón dende o pasado 1 de xaneiro, ou a solicitude realizada para contar co distintivo de Bandeira Verde son algúns dos programas nos que está a xa a participar, baixo a coordinación do persoal técnico do departamento.
Este convenio asinado coa Universidade de Vigo ten por obxectivo facilitar a preparación para o exercicio profesional do estudantado universitario e a súa futura inserción laboral.
Deste xeito, Iria Moreira convértese na primeira dos estudantes silledenses da Universidade de Vigo que realiza prácticas académicas externas.
O Concello xa acolle a estudantes de Silleda de ciclos de formación profesional en prácticas, polo que este convenio permitirá ampliar o abano de persoas estudantes que poden optar a realizar tamén este periodo formativo na entidade local. «Estamos a darlle unha oportunidade nova á mocidade silledense para que poida poñer en práctica os seus coñecementos tralo remate dos estudos», indica o concelleiro Manuel Requeijo, que hoxe mantivo unha reunión con Iria Moreira xunto cas tenentas de alcaldesa Mónica González e Angela Troitiño.