-
Persoal municipal impartiu senllas charlas divulgativas entre as nenas e nenos de 6º do CEIP Plurilingüe e de 5º e 6º do CPR María Inmaculad
-
A rapazada constatou que as súas preocupacións están recollidas nos obxectivos de desenvolvemento sostible do plan
-
Tamén coñeceron algunhas das iniciativas que está levando a cabo o Concello para contribuír á Axenda
O Concello de Silleda afianza o seu compromiso coa Axenda 2030, involucrando á xente máis nova do municipio a través de charlas informativas nos centros educativos. Dúas sesións desenvolvidas hoxe, mércores 18 de decembro, entre o alumnado de 6º de primaria do CEIP Plurilingüe de Silleda e de 5º e 6º do CPR María Inmaculada déronlle continuidade ás que se levaron a cabo a finais de novembro no IES Pintor Colmeiro e no CEIP Ramón Valenzuela.
Durante as sesións, rapazas e rapaces puideron constatar que a Axenda 2030 comparte moitas das súas propias preocupacións, como poden ser a pobreza, o racismo, a violencia de xénero ou a contaminación, e establece un total de dezasete obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) para conseguir que todas as persoas vivamos nun mundo mellor.
Tamén aprenderon que Silleda está contribuíndo ao desenvolvemento da Axenda 2030 con distintas accións, que buscan preservar o medioambiente e mellorar a saúde, a igualdade ou a mobilidade.
Entre estas iniciativas atópanse o Banco de Alimentos, no que se fan doazóns para a xente máis necesitada do municipio; o Plan de Saúde Mental; o Cinto Verde, co que se busca crear un espazo no que se priorice a circulación dos peóns sobre os coches; ou o fomento das comunidades sostibles para empregar enerxías limpas e abaratar o custo dos recibos.
As nenas e nenos participantes nas charlas levaron de agasallo para a súa casa un kit de compostaxe, formado por un balde, bolsas de papel e un folleto informativo, para fomentar o uso dos contedores marróns de residuos orgánicos.