Silleda, 28 de febreiro de 2017. O Concello de Silleda continúa a traballar na reparación dos numerosos desperfectos causados polos temporais de principios deste mes de febreiro. Así, na xornada de onte e hoxe e aproveitando o parón das vacacións de entroido nos centros educativos, leváronse a cabo os traballos de colocación das tellas e limpeza dos canalóns, entre outros nas instalacións do CEIP de Silleda.
Tamén se procedeu a realizar reparacións no edificio da Escola Infantil A Galiña Azul.
Nos últimos días acometeuse tamén a reposición do tellado no edificio anexo do Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, onde as fortes rachas de vento levantaron a cuberta e iniciouse, entre outros, a reparación das planchas nos pavillóns polideportivos.
O alcalde, Manuel Cuiña, explica que nestes días estará lista a valoración de danos en bens públicos do municipio de Silleda, “unha valoración que se presume cuantiosa xa que os danos foron graves”.
Entre eles destacan os destrozos das placas fotovoltaícas no parque empresarial Área 33, o tellado de Vistalegre e os numerosos danos no alumeado e cadros eléctricos de varias parroquias, entre elas Abades, Ansemil, Breixa, Carboeiro, Cervaña, Chapa, Escuadro, Laro, Manduas, Moalde, Negreiros, Parada, Ponte, Rellas e Silleda.
O goberno municipal adianta ademais que levará ao vindeiro pleno unha moción para instar á Xunta de Galicia a habilitar fondos suficientes para dar resposta aos danos provocados polos temporais e a aprobar, en coordinación coa FEGAMP, un protocolo de resposta, que estableza os mecanismos de atención e reclamación, ante situacións de emerxencia como a que se viviu cos temporais de principios de mes.
Tamén se instará tanto a Industria como ás compañías do sector a mellorar as liñas eléctricas.