Silleda, 8 de outubro de 2015. O Concello de Silleda continúa cas obras de construción da caseta que albergará os depósitos veciñais de auga do lugar de A Laxe, na parroquia de Oleiros.
Esta obra, que veñen demandando dende hai tempo os veciños residentes da localidade, iniciouse o pasado mes de xullo coa excavación pertinente para a realización da base e onde se asentarán as novas dotacións.
Esta nova dotación dará servizo a 12 vivendas. “O lugar onde se atopan os depósitos actuais estaba moi deteriorado, por iso se fai necesario realizar esta nova construcción para que os veciños dispoñan dun lugar axeitado no que albergar esta instalación de auga potable”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.
A semana pasada os operarios municipais do departamento de Obras e Servizos comezaron a levantar a caseta onde se ubicarán os depósitos, que aportarán os vecinos“co que terán un servizo para o seu consumo en mellores condicións”, engade Cuiña.
O concelleiro de Obras e Servizos, Klaus Brey, visitou as obras de construcción da caseta, cunha dimensións moito maiores que a instalación actual.
Esta actuación súmase a outras obras realizadas nos últimos meses en distintos puntos do rural para mellorar a dotación dun servizo tan básico como a traída de augas.
Así dende o goberno local de Silleda lémbrase que ademais de extender a rede da traída municipal a localidades próximas aos cascos urbanos de Silleda e da Bandeira, “unha liña que queremos continuar con novas iniciativas”, tamén se colaborou cos veciños na mellora de distintas conduccións.