O Concello de Silleda contratará dúas persoas para reforzar a limpeza nos centros escolares

-O alcalde e as concelleiras Angela Troitiño e Pili Peón reuníronse hoxe cas directoras dos tres centros públicos de infantil e Primaria para analizar o contexto ante o inicio do curso. Cuiña advirte que as contratación son unha mostra da “responsabilidade” do Concello pero dende o goberno local seguirase a reclamar á Xunta de Galicia que asuma, “ben cos fondos dos que reciben ou directamente estas competencias”, engade

 

Silleda, 1 de setembro de 2020.  O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e as concelleiras de Educación, Ángela Troitiño e de Persoal, Pili Peón, mantiveron na mañá de hoxe un encontro cas directoras dos tres centros públicos de Infantil e Primaria do municipio (CEIP de Silleda, CEIP Ramón de Valenzuela e Escola Infantil A Galiña Azul). No encontro analizouse a situación dos centros ante o inminente inicio do curso escolar 2020-2021, así como distintas cuestións relacionadas coa limpeza e desinfección dos centros, entre outros.

Na reunión, os representantes municipais avanzaron que o Concello de Silleda por responsabilidade farase cargo da limpeza e desinfección nos parámetros que establece a Xunta de Galicia nesta situación complicada por mor da COVID 19. “Faremolo como decimos por responsabilidade, o que non significa que deixemos de seguir reclamando á Administración Autonómica que asuma directamente estas tarefas ou ben que aporte aos Concellos os fondos que reciben do Estado para estas cuestións”, engade o alcalde, Manuel Cuiña.

Así, Cuiña cita o exemplo doutras Comunidades Autónomas como o caso das Illas Baleares, onde o goberno autonómico destinará 800.000 euros aos concellos para asumir a limpeza e desinfección dos centros escolares.

O rexedor avanzou durante o encontro que o Concello de Silleda procederá nos vindeiros días a contratar a dúas persoas para a limpeza destes centros, tal e como se aprobou na última sesión da Xunta de Goberno Local. As bases para este proceso serán publicadas no BOP de Pontevedra nos vindeiros días.

“O noso compromiso e responsabilidade quedan claras con esta contratación. Como mínimo a Xunta debería asumir o custe destes contratos ou ben habilitar fondos para as entidades locais, que se están vendo cada vez máis obrigadas a asumir novas competencias sen recibir por iso máis fondos”, engade o alcalde.

Cuiña lembra así mesmo que hai algo máis dun ano o Consorcio Galego de Benestar “modificou unilateralmente o convenio para as escolas da Rede A Galiña Azul”, subindo a aportación municipal a case 80.000 euros ao ano “e aínda así reforzaremos tamén a limpeza e desinfección neste centro, por responsabilidade”, engade.

“O que pedimos é que se faga un bo uso dos fondos que a Xunta está a recibir da Administración do Estado para asumir os procesos de desinfección e limpeza nos centros educativos nestes tempos incertos e complicados”, remata o alcalde.

Cuiña agradeceu tamén a colaboración dos equipos directivos dos centros, cos que se estará en contacto para coordinar as tarefas establecidas para o Concello nos protocolos marcados no contexto de prevención da COVID-19.