-O certame #SilledaFaiNadal contará con dúas categorías: unha individual para decorar vivendas, balcóns, fachadas, e outra colectiva na que se poderán elixir espazos públicos. O prazo estará aberto durante todo o mes de novembro
Silleda, 20 de outubro de 2022. O Concello de Silleda, a través das concellerías de Cultura e de Comercio, volve convocar o concurso #SilledaFaiNadal entre a a veciñanza a fin de promover a creatividade e axudar, ao mesmo tempo, ao comercio e a hostalería local.
Esta proposta dun certame de decoración navideña, que acada xa a súa terceira edición, busca a participación activa da veciñanza e colectivos para infundir un ambiente propio das datas de Nadal en distintos espazos. As bases do certame foron aprobadas xa en Xunta de Goberno Local e establecen un reparto de premios que amplia a contía ata os 3.175 euros, (1.100 euros máis que nas edicións anteriores) .
O concurso está dirixido a todas as persoas que vivan no municipio de Silleda e establécense dúas categorías: individual (ca decoración de balcóns, galerías e fachadas, sempre que sexan visibles dende o exterior); e colectiva, para comunidades de veciños, asociacións, grupos…. Neste último caso deberá elixirse un emprazamento do que se informará previamente no momento de realizar a inscrición.
As persoas e grupos que desexen participar deben inscribirse no Rexistro Municipal, cun formulario específico para este certame. O prazo de inscrición será durante todo o mes de novembro .
As decoracións serán visibles dende o exterior, e estar instaladas, como mínimo dende o 15 de decembro ata o 5 de xaneiro de 2023.
Admitiranse todo tipo de materiais para a construción da ornamentación e valoraranse especialmente a orixinalidade, deseño, uso de ornamentos feitos a man ou con material de refugallo, así como a interculturalidade dos decorados. No caso de contar con iluminación, seguindo ca filosofía da decoración das rúas que se realizará este ano xunto co CDR de Cogami en Medelo, esta será con luminarias fotovoltaicas ou de tecnoloxía LED de baixo consumo.
As bases e o anexo de inscrición estarán tamén dispoñibles na web municipal.
En cada unha das categorías establécense 3 premios, todos eles para gastar nos comercios ou nos locales de hostalería situados no municipio silledense. Na colectiva haberá un primeiro premio de 1.000 euros, un segundo de 700 e un terceiro de 500 euros. Na individual os premios serán respectivamente de 500, 300 e 175 euros. O xurado estará formado por integrantes de asociacións ou colectivos que non participen no concurso e por un representante do Concello, con voz pero sen voto, así como por un técnico municipal, que actuará como secretario/a.
A resolución do concurso comunicarase, de ser posible, ao longo do mes de xaneiro. Publicarase nas redes sociais do Concello e será comunicado por chamada telefónica ás persoas e agrupacións galardoadas.
Con este certame búscase reactivar a economía local ao tempo que se premia a creatividade e orixinalidade das creacións, neste caso ca decoración e motivos de Nadal como protagonistas.