-Ambas entidades programan unha proposta formativa a celebrar en vindeiras semanas
Silleda, 1 de marzo de 2016. Tal e como se había acordado despois dunha primeira reunión o pasado mes de novembro, o Concello de Silleda retoma a colaboración co portal dixital galego de emprego Galejobs, unha plataforma coa que se busca complementar e ampliar a acción do programa municipal Silleda Emprega.
Nesta liña, estase a preparar unha acción formativa gratuíta co fin de mellorar a experiencia dos usuarios na busca de emprego por internet. Baixo o nome de “Seminario de ferramentas para a busca de emprego”, esta proposta ten como obxectivos o apoio aos usuarios do servizo de orientación laboral do Concello de Silleda, tanto no proceso de busca de emprego, coma na elaboración dun Curriculum Vitae ou na realización dunha entrevista de traballo.
O curso, de 2 horas de duración, estará impartido por María Hermo Rodríguez, responsable de Recursos Humanos do portal Galejobs, e tratará contidos coma a realización de currículos, cartas de presentación, a utilización de centros de intermediación, redes sociais ou portais de emprego, como ferramentas para a busca de emprego, e tamén as habilidades sociais básicas e as pautas a seguir ó acudir a unha entrevista de traballo.
“Consideramos moi interesante e beneficiosa a aportación deste portal, porque son especialistas no mercado laboral galego, e poden aportar de primeira man información sobre qué buscan eles nos candidatos, ademais de que introducen un novidoso concepto baseado sobre todo na personalización tanto da oferta como da demanda”- afirma a concelleira de emprego, Ana Luisa González.
“Coa posta en marcha de esta iniciativa buscamos mellorar a situación dos desempregados, formándoos para facilitar a súa inserción no mercado de traballo, así como tamén a de aquelas persoas que queiran mellorar os seus empregos “- engade a edil.
Nos próximos días comunicarase o lugar e a data exacta da acción formativa, e abrirase o prazo de inscrición para a mesma.