-O goberno municipal vén de decretar estas medidas complementarias ante o vertixinoso aumento dos contaxios nos últimos días
Silleda, 15 de xaneiro de 2021. O Concello de Silleda vén de decretar o peche da actividade en todos os centros municipais (agás os servizos ordinarios do Concello) á vista da grave situación epidemiolóxica no termo municipal.
Unha vez máis decrétase o peche dos parques municipais, para evitar a concentración de persoas nestes espazos. Tamén se suspende –en principio durante as dúas próximas semanas- toda a actividade en centros municipais, agás o Servizo Lúdico Educativo, como servicio esencial para a conciliación das familias.
Estas medidas afectan ás instalacións deportivas e tamén á Escola de Música Municipal, que impartirá as súas clases de forma telemática nas próximas semanas nos dous centros cos que conta , así coma a actividade doutros grupos de música e baile tradicional.
Tamén se pecha ao público dende mañá o mosteiro de Carboeiro, o Punto Limpo e na biblioteca pública municipal só se atenderá para préstamo e devolución de exemplares.
Así mesmo, recoméndase á veciñanza solicitar cita previa a través do teléfono (chamando ao 986 58000) para a atención presencial no Concello ou noutros servizos municipais .
“A nivel municipal aplicaránse turnos de teletraballo, nos casos nos que sexa posible, para garantir a atención en todo momento no caso de que se poidan detectar casos positivos entre a plantilla”, indica o alcalde.
En canto ao peche das actividades de carácter cultural e deportivo, no día de onte xa se avanzou esta medida aos colectivos a efectos de organización.
Así, na Escola de Música Municipal activarase durante as próximas dúas semanas un plan telemático para a continuidade das clases, preparado polo equipo de profesorado xa ao inicio do curso como medida alternativa.
“Somos conscientes de que en todos estos centros e instalacións municipais se sigue con rigor un protocolo de prevención da Covid, pero por responsabilidade e á vista da situación crítica na que estamos cremos que o máis sensato é suspender todas estas actividades durante os próximos 15 días”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, agardando que “este esforzo que lle pedimos a toda a veciñanza de Silleda de resultados” e agradecendo a colaboración de colectivos e clubes, así como a súa comprensión.