Este acordo permitirá o desenvolvemento do proxecto de musealizacion impulsado pola Deputación de Pontevedra no marco do Plan de Sustentabilidade Turística do destino Deza-Tabeirós
O Concello de Silleda e a Diocese de Lugo, veñen de asinar un convenio de colaboración que permitirá a cesión gratuíta de uso da igrexa pertencente ao conxunto monumental do Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro. A alcaldesa, Paula Fernández Pena, e o bispo de Lugo, monseñor Alfonso Carrasco Rouco, asinaron esta maña dito acordo no templo silledense.
Este acordo ten como obxectivo principal garantir a protección, conservación e posta en valor deste importante ben de interese cultural, fomentando o seu uso como parte do patrimonio cultural e turístico do municipio. A igrexa, será integrada nas accións culturais e turísticas promovidas polo Concello, co compromiso de respectar sempre o seu uso relixioso.
A cesión, que terá unha duración de 25 anos, permitirá que o Concello poida dispoñer do uso do inmoble para a realización dos traballos de musealización promovidas pola Deputación de Pontevedra no marco do marco do Plan de Sostenibilidade Turística no destino Deza- Tabeirós financiado a través do PRTR do Goberno de España.
O Concello de Silleda, asume con este convenio a obriga de realizar as xestións necesarias para o mantemento e a conservación do inmoble, garantindo así o seu bo estado tanto interior como exterior. Ademais, establécese a obriga de que calquera intervención no edificio conte coa previa aprobación técnica por parte da Diocese de Lugo.
O convenio tamén contempla a creación dunha comisión de seguimento, integrada por representantes de ambas institucións, co fin de asegurar a transparencia e o diálogo constante en torno ás accións que se leven a cabo no marco deste acordo.
Este convenio reafirma o compromiso do Concello de Silleda e da Diocese de Lugo de traballar conxuntamente na conservación do patrimonio cultural, asegurando o seu acceso e desfrute por parte da cidadanía, ao tempo que se respecta o valor relixioso do inmoble.
A alcaldesa, recoñeceu durante o acto de sinatura a boa disposición da Diócese de Lugo para chegar a este acordo, nomeadamente o Bispo Alfonso Carrasco “co que puiden manter unha conversa co Bispo durante a Romaría de San Lorenzo e a súa disposición foi máxima, polo que quero manifestar o meu agradecemento publicamente”, engadiu a rexedora. Paula Fernández confía en que este acordo, relance o proxecto de dotación de iluminación do Mosteiro que neste momento está en tramitación na Deputación de Pontevedra “sen levar a luz a Carboeiro non terá sentido a musealización, polo que entendo que a Deputación e o Concello, articularemos os mecanismos económicos necesarios, para dotar de luz a este marabilloso enclave”.
Pola súa banda, o bispo, tamén resaltou o gran valor patrimonial de Carboeiro e resaltou o papel do Concello de Silleda á hora de conservar e promocionar este enclave único.
Na sinatura estiveron presentes distintos representantes da Diocese de Lugo, que participaron tanto en Carboeiro como no santuario do Corpiño nos actos de inicio do Ano Litúrxico.
Así mesmo, dende a diocese tamén destacaron que dous santuarios silledenses, como son o da Saleta en Siador e do da Virxe dos Desamparados en Abades, formarán parte do Ano Santo Romano que se celebrará en 2025.