Silleda, 17 de decembro de 2019. Para paliar a soidade que padecen algúns maiores nestas datas significativas que se aveciñan, o Concello de Silleda e a Residencia e Centro de Día de Maiores poñerán en marcha unha novidosa iniciativa.
Así, convidarán a cear o día de Noiteboa e Noite Vella, e aos xantares de Nadal (o vindeiro 25); de Ano Novo (1 de xaneiro) e o domingo 5 a aquelas persoas que por distintas circunstancias non poidan pasar o Nadal en familia.
A concelleira de Benestar Social, Ángela Troitiño, xa mantivo un encontro coa dirección da Residencia para perfilar os detalles desta iniciativa. Así mesmo, dende o departamento xa se está a traballar para contactar directamente con potenciais usuarios para informarlle desta posibilidade.
“O obxectivo é evitar que nestas datas que son eminentemente familiares haxa xente que por distintas razóns quede solo ou sola no seu domicilio”, indica a concelleira.
Así mesmo, o Concello de Silleda con ánimo de facilitar a asistencia a estas celebracións, farase cargo do desprazamento ata a residencia e de regreso aos domicilios ao remate. “Estamos estudando a fórmula, ao mesmo tempo que xa estamos a traballar no contacto cas posibles persoas usuarias”, engade.
A Residencia e Centro de Día dos Maiores de Silleda abriu as súas portas o pasado mes de maio e a día de hoxe ten xa cubertas todas as prazas residenciais.