O Concello de Silleda e a Residencia convidan a cear nestas datas as persoas maiores que vivan soas

Poderán acudir á cea de Noiteboa, xantar de Nadal, Noitevella, o día 1 e o 5 de xaneiro. O departamento de Benestar Social encargarase de seleccionar as persoas, que tamén poderán recibir menús nas súas casas no caso de non poder desprazarse

 

Reunión da concelleira de Benestar Social coa dirección da Residencia e Centro de Día de MaioresPara paliar a soidade que padecen algúns maiores nestas datas significativas que se aveciñan, o Concello de Silleda e a Residencia e Centro de Día de Maiores volven poñer en marcha unha novidosa iniciativa.

Así, convidarán a cear o día de Noiteboa e Noite Vella, e aos xantares de Nadal (o vindeiro 25);  de Ano Novo (1 de xaneiro) e o domingo 5 (día de Reis) a aquelas persoas que por distintas circunstancias non poidan pasar o Nadal en familia ou familias vulnerables que conten entre os seus membros con persoas maiores, que poderán recibir os menús de balde nos seus municipios.

A concelleira de Benestar Social, Ángela Troitiño, e técnicas do departamento mantiveron hoxe unha xuntanza ca dirección do centro para perfilar os detalles desta iniciativa, que xa se vén realizando dende hai algúns anos.

Ademais as persoas que non poidan desprazarse recibirán o menú desas datas nos seus domicilios.  Así mesmo, dende o departamento xa  se está a traballar para contactar directamente con potenciais usuarios para informarlos desta posibilidade.

“O obxectivo é evitar que nestas datas que son eminentemente familiares haxa xente que por distintas razóns quede só ou soa no seu domicilio”, indica a concelleira.

Esta iniciativa enmárcase tamén no programa de acción contra a soidade non desexada, que vén de iniciarse este ano dende o Concello de Silleda e que contará con outras propostas.