A contaminación lumínica e a influencia dun uso responsable da luz na vida cotiá foron os eixos centrais das exposicións dirixidas ao alumnado desta localidade
O Concello de Silleda organizou xunto a Ferrovial, no marco do contrato de servizos enerxéticos, xornadas sobre aforro enerxético para a comunidade educativa da localidade. A Asociación Slowlight foi a responsable de impartir estes obradoiros para o alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO dos CEIP Ramón de Valenzuela, CEIP Plurilingüe de Silleda, CPR María Inmaculada e do IES Pintor Colmeiro.
A tenente de alcaldesa, Mónica González, agradeceu a Ferrovial e a Asociación Slowlight, a organización destas sesións que, como explicou, “ensinan de forma práctica ás poboacións máis novas conceptos clave para o aforro enerxético e un uso responsable dos recursos lumínicos”.
Nas xornadas, Coque Alcázar, presidente da Asociación Slowlight, acompañado pola docente Carlota Alcázar, realizaron unha exposición didáctica sobre o que é a luz, cal e a súa historia, que tradicións están vencelladas á luz e como inflúe na vida cotiá da poboación, así como nas paisaxes. Se ben, o eixo central da exposición estivo enfocado en abordar a contaminación lumínica e a súa transcendencia no día a día da cidadanía.
Un aforro enerxético do 57% no Concello de Silleda
O Concello de Silleda acadou un aforro enerxético do 57% tras a renovación da iluminación pública exterior no municipio, coa instalación e transformación das 4.454 luminarias da localidade –3.322 con tecnoloxía LED-. En termos económicos, neste primeiro ano o contrato de servizos enerxéticos e de mantemento integral do alumeado, executado pola empresa Ferrovial, conseguiu un aforro de máis de 130.000 euros.