As obras, que se iniciarán en breve, permitirán poñer no mercado 44 vivendas, outros tantos garaxes e un local na planta baixa
A finalización desta promoción de vivendas estivo paralizada durante unha década
O Concello de Silleda e a Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb) anunciaron a próxima recuperación e acondicionamento dun edificio situado na avenida da Estación número 15, no casco urbano de Silleda.
Con estas obras lograrase o obxectivo de finalizar as 44 vivendas, 44 garaxes e o local comercial da planta baixa que quedaron abandonados no ano 2008 tras o estourido da burbulla inmobiliaria, o que provocou o deterioro exterior e a vandalización do interior do edificio.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, celebrou a noticia destacando que «a recuperación deste inmoble, cun estado que estaba a xerar numerosos problemas de salubridade, é unha fantástica nova para o noso municipio», e engadiu que desde o goberno seguirán impulsando accións tanto neste como noutros inmobles da localidade que están en mans privadas.
Unha das principais liñas de traballo da Sareb é potenciar a venda de activos residenciais ás administracións públicas, facilitando que estas poidan adquirir vivendas en condicións de compra preferentes. Por iso, o Concello e a Sareb continúan negociando para destinar vivendas a alugueiro social.
Así mesmo, recentemente a Sareb cedeu ao Concello o uso dunha finca situada no barrio de Campo para o seu uso como aparcamento.