O proxecto audiovisual está a rodar varias escenas nas parroquias de Escuadro e de Vilar
O Concello de Silleda está a ser un dos escenarios destacados da rodaxe da serie «Antes de Nós», un proxecto audiovisual que aborda a vida de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. Esta produción, dirixida por Ángeles Huerta e coa participación de recoñecidos actores e actrices como Xoán Fórneas no papel de Castelao, está a desenvolver varias escenas no municipio, especificamente nas parroquias de Escuadro e Vilar.
A rodaxe da serie comezou o pasado 2 de setembro, impulsada pola produtora Zenit TV e Retrincos A.I.E., coa colaboración de Televisión de Galicia e o apoio da Xunta de Galicia. Entre as diferentes localizacións galegas escollidas polo equipo de produción seleccionouse Silleda para reproducir os escenarios nos que viviu o protagonista. Tamén participan Rianxo, Santiago de Compostela, Pontevedra, Muros ou Fisterra. Esta produción destaca pola calidade do seu equipo técnico e artístico, contando con profesionais de renome como Zaza Ceballos na produción executiva, Pepe Coira como guionista, e Lucía C. Pan na dirección de fotografía.
«Antes de Nós» é un drama histórico que non se limita a unha biografía convencional, senón que busca profundar nas emocións e vivencias de Castelao, cunha especial atención a dous episodios cruciais da súa vida: o seu traballo como médico en Rianxo durante a gran gripe de 1918, e a súa viaxe a Bretaña en 1929, logo da perda do seu fillo Chuchiño. A serie tamén explora a relación persoal entre Castelao e a súa muller, Virxinia Pereira, interpretada por Cris Iglesias.
O Concello de Silleda amósase orgulloso de participar nun proxecto que pon en valor a figura de Castelao e a historia de Galicia, e que, ademais, supón un importante impacto cultural e económico para o municipio. Así mesmo, agadece a colaboración das asociacións de mulleres de Escuadro e a Asociación de Veciños Vilar de Trasdeza nas tarefas relacionadas ca rodaxe.
A estrea de «Antes de Nós» está prevista para o ano 2025, tanto en salas de cine como na grella de Televisión de Galicia.