Silleda, 17 de febreiro de 2017. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, mantivo unha xuntaza co presidente da Asociaicón de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE Galicia), José Ramón Caldas Martínez, que expuxo ao rexedor as principais liñas de traballo desta entidade.
Durante a reunión, á que tamén asistiu a secretaria de APE Galicia, Sonia Acuña, abordouse a posibilidade de asinar un convenio de colaboración similiar aos que se veñen asinando noutros Concellos, a fin de establecer liñas de cooperación conxunta co obxectivo de beneficiar ao colectivo de traballadores por conta allea.
Segundo os datos aportados dende APE Galicia, dos 3. 166 veciños e veciñas de Silleda que están ocupados, 1.245 están dados de alta no Réxime Especial do traballador Autónomo, o que supón un 39,32 da poboación activa silledense. “É un dato significativo polo que estamos xa a valorar a posibilidade de colaborar con este colectivo de cara a ofrecer aos nosos autónomos e autónomas ferramentas que poidan beneficiar a súa actividade”, apunta o alcalde Manuel Cuiña.
Neste senso, dende APE Galicia ofrécense distintas xornadas formativas e actividades de fomento para sectores coma o comercio local ou para emprendedores e emprendedoras.
Unha taxa de paro das máis baixas da provincia
A taxa de desemprego no municipio de Silleda segundo os últimos datos de decembro de 2016 situouse nun 13,04%, unha das máis baixas da provincia de Pontevedra. Así, Silleda contaba a finais do pasado ano con 465 desempregados e desempregadas.
“Pouco a pouco estase a notar unha melloría xeralizada na economía e en Silleda imos mellorando os datos de desemprego, co que hoxe estamos xa algo máis lonxe dos datos de 2012, cando chegou a haber 729 veciños e veciñas en situación de desemprego o que supoñía daquela o 18,93% da poboación”, sinala o alcalde.
Cuiña tamén expuxo durante o encontro algunhas das medidas levadas a cabo dende o goberno municipal, como a posta en marcha xa no ano 2011 do programa Silleda Emprega, unha bolsa municipal de emprego, ou o Plan de Axudas ao Fomento do Emprego, para o que xa se concederon un total de 8 subvencións a fondo perdido dende a súa posta en marcha a finais de 2015.
“Temos que continuar traballando, dentro das nosas competencias, para continuar nesta liña de mellora”, indica o alcalde, que lembra tamén a posta en marcha de iniciativas como o Centro de Densenvolvemento Agrario ao abeiro do que xa xurdiron proxectos emprendedores.