Silleda, 14 de maio de 2016. O Concello de Silleda ven de aprobar na xunta de goberno, celebrada este pasado martes, o convenio de colaboración co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para o desenvolvemento do programa Xantar na Casa.
Este servizo, consistente na subministración de comida a domicilio, co que se pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades das persoas maiores e/ou dependentes, que non poidan valer por sí mesmas, para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou elaboración de menús, artéllase a través da xestión directa por parte do Consorcio, en colaboración coa Consellería de Política Social e cos concellos consorciados , e forma parte do conxunto de servizos promovidos pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.
Poderán ser beneficiarias de este programa as persoas empadroadas no municipio, residentes no mesmo, e que cumpran unha serie de requisitos:
Ser maiores de 60 ano, que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal, e sen rede de apoio que puidese suplir tal situación; persoas dependentes, que carezan de apoio familiar, e requiran de axuda para a preparación dos alimentos; e todas aquelas persoas maiores de 60 anos en situación de exclusión social, tecnicamente avaliada polos Servizos Sociais do Concello.
O Concello de Silleda adheriuse ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar por medio dun convenio asinado en outubro de 2007, e manifestou a súa vontade de formar parte do programa Xantar na Casa en xaneiro do presente ano.