Dende o vindeiro luns e ata o venres 18 Casa do Concello abrirá en horario de 16:00 a 18:00 horas
O Concelllo de Silleda habilita un horario extraordinario para consultas sobre limpeza de faixas de protección de biomasa situadas arredor de vivendas e núcleos de poboación. Debido ao gran número de veciños e veciñas que amosan o seu interese pola situación das súas propiedades unha vez recibida a comunicación da correspondente inspección, dende o goberno municipal decidiuse habilitar un horario extraordinario de atención para a semana do 14 ao 18 de outubro . Así, nesta semana o horario de tarde irá de 16:00 a 18:00 horas.
Desta forma facilitaranse os trámites que debe realizar a veciñanza, se ben dende o Concello xa se están proporcionando modelos de resposta para asumir as tarefas de limpeza das fincas.
Do mesmo xeito, aquelas persoas que teñen dificultades para identificar as propiedades, poderán utilizar o visor habilitado pola Xunta premendo neste enlace.
Así mesmo, dende o Concello incorporarase nos próximos días un acceso directo ao visor e ao modelo de tipo de resposta na web municipal, para que a veciñanza o poida descargar con facilidade.
Nos últimos días, tamén se reforzou o personal municipal dedicado á atención destas consultas, se ben dende o goberno laméntanse as posibles agardas debido a elevada demanda de información.
Preto de 2.200 comunicacións
O Servizo Agrario Galego (Seaga) iniciou hai varios meses os traballos de inspección das faixas secundarias dos núcleos de poboación de Silleda, tanto nas parroquias do rural como nos cascos urbanos.
Este traballo de inspección, no marco do convenio asinado por esta entidade que depende da Administración Autonómica e o Concello de Silleda, ten como finalidade aumentar as condicións de seguridade dos núcleos ante os riscos de incendios forestais, dando así cumprimento á normativa autonómica de 2018.
Foron milleiros as fincas que se inspeccionen (nas franxas situadas no perímetro de 50 metros arredor dos núcleos) para realizar un inventario do estado no que se atopan. A partir de aí, e unha vez recibidos os informes, o Concello de Silleda iniciou o proceso de notificación ás persoas propietarias que non cumpren coa obriga de manter as parcelas limpas e libres de maleza ou especies pirófitas. En total remitíronse 2.148 comunicacións no municipio de Silleda.
En ditas comunicacións, outorgase un prazo de 15 días para que as persoas propietarias informen de se van a limpar ou non as propiedades afectadas.
Se despois dos requirimentos non se actúa, será o propio Seaga quen acometa a limpeza e desbroce de xeito subsidiario, emitindo a factura á persoa ou persoas propietarias.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, lembra que dende o Concello xa se veu informando á veciñanza desta obriga tanto a través dos bandos colocados durante a primavera, nos que se lembraba a obriga de ter limpas as parcelas das faixas secundarias de protección antes do 31 de maio, como nas reunións mantidas coas parroquias do rural.