O Concello de Silleda imparte sesións sobre reciclaxe e compostaxe nos  centros educativos

Silleda. 8 de outubro de 2025- O Concello de Silleda vén de rematar a actividade de formación e difusión  sobre a reciclaxe e compostaxe con protagonismo dos centros educativos. Así, na xornada de hoxe celebráronse senllas sesións co alumnado de 6º de Primaria do CEIP Plurilingüe de Silleda e o CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira.

Ademais da separación de residuos para a súa correcta reciclaxe, tamén se repartiu  material informativo sobre a correcta separación de residuos, así como algúns consellos e boas prácticas para previr o desperdicio de alimentos e reducir así a xeración de residuos.

Con esta acción, quérese reforzar a mensaxe de aportar cada residuo ao colector que lle corresponde, chamando á cidadanía, e en especial á mocidade, a corresponsabilizarse, así como da importancia da prevención de residuos, para reducir o impacto ambiental do noso municipio.

Coa incorporación do colector marrón en xaneiro de 2024, xa son cinco as fraccións que a cidadanía atopará en todas as illas de colectores.

Estas sesións foron organizadas dende a Concellería de Transición Ecolóxica, que dirixe Manuel Requeijo e a Concelleira de Educación, que dirixe Ángela Troitiño, e enmarcanse na campaña de formación difusion e seguemento da compostaxe doméstica municipal.

Esta actuación, levase a cabo a través da subvención da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, (MT975T) para actuacións en materia de residuos de competencia municipal, axuda  cofinanciada pola Unión Europea a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (NextGenerationEU), enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

O proxecto contou cun orzamento total de 14.990 euros, dos cales a Xunta subvenciona o 90 % (13.491 euros), mentres que o 10 % restante será achegado polo propio Concello de Silleda.

A empresa ANCARIA SL, adxudicataria do contrato, xa rematou  os traballos, que incluiron a edición e distribución de guías de compostaxe, visitas porta a porta de seguimento e comprobación do proceso de compostaxe individual, así como o acompañamento técnico á veciñanza e a elaboración dun informe final de avaliación co conxunto das actuacións desenvolvidas, e que agora se complementan con estas sesións nos centros escolares.

Con esta iniciativa, o Concello de Silleda continúa a apostar por un modelo de xestión de residuos máis sostible e eficiente, favorecendo a participación cidadá e impulsando a compostaxe doméstica como ferramenta clave na transición cara á economía circular.