-
O alumnado de 1º da ESO do Ies Pintor Colmeiro e de 5º e 6º do CEIP Ramón de Valenzuela foron os primeiros en participar nesta iniciativa
-
Os máis cativos traballaron en dinámicas de grupo para coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible dunha forma participativa e próxima
-
As charlas continuarán entre o 16 e o 20 de decembro, visitando o CEIP Plurilingüe de Silleda e o CPR María Inmaculada
O Concello de Silleda avanza no seu compromiso coa Axenda 2030, involucrando ás novas xeracións a través de charlas informativas nos centros educativos do municipio. Estas sesións teñen como obxectivo promover e dar a coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) dunha forma participativa e próxima.
Na mañá deste mércores 27 de novembro, o persoal municipal impartiu as primeiras charlas, iniciando a campaña no IES Pintor Colmeiro, onde ás 9:40 horas o alumnado de 1º da ESO participou activamente na sesión. Máis tarde, ás 13:00 horas, foron os estudantes de 5º e 6º de primaria do CEIP Ramón de Valenzuela, en Bandeira, os que tiveron a oportunidade de explorar o significado da Axenda 2030.
Durante estas sesións, realizáronse dinámicas de grupo nas que o alumnado identificou algúns dos principais problemas que é preciso abordar para alcanzar os obxectivos, como o cambio climático ou a violencia de xénero. Estas actividades permiten así fomentar o pensamento crítico e a reflexión colectiva sobre os retos que enfronta a sociedade actual.
Dúas alumnas, Daniela e Uxía, definiron a Axenda 2030 como «os retos que temos para facer un mundo mellor», unha reflexión que resume perfectamente o espírito da iniciativa.
Esta mañá tamén se explicou como o Concello de Silleda está a adaptar os obxectivos da Axenda 2030 á realidade local mediante un plan de acción que inclúe medidas como a posta en marcha de cursos de lingua para persoas estranxeiras, a creación do cinto verde e dos camiños escolares seguros, a xestión das colonias felinas ou a promoción dos consellos de cultura, entre outros plans.
Próximas datas e centros
As charlas continuarán entre o 16 e o 20 de decembro, visitando o CEIP Plurilingüe de Silleda e o CPR María Inmaculada. Estas actividades buscan fomentar unha conciencia crítica e inspirar aos máis novos a asumir un papel activo na creación dun futuro sostible.
Con esta iniciativa, o goberno local reafirma o seu compromiso cos principios da Axenda 2030, centrados na defensa do medio ambiente, na inclusión social e na igualdade de oportunidades.
Ademais, as charlas complementan outras accións xa en marcha no municipio dentro da estratexia local de sustentabilidade, como a promoción da reciclaxe, o coidado do patrimonio natural e a aposta pola enerxía renovable.