A alcaldesa Paula Fernández presidiu o encontro que definiu as bases para a formación deste órgano de carácter consultivo
“Queremos potenciar a participación das mulleres a través de todos os medios ao noso alcance», subliña a rexedora
O Concello de Silleda vén de dar un paso clave cara a creación do futuro Consello da Muller. A alcaldesa Paula Fernández; a concelleira de Igualdade, Ángela Troitiño; a concelleira de Participación Cidadá, Mónica González; xunto as presidentas das asociacións de mulleres Arumus de Siador; Mulleres Rurais de Escuadro e a asociación de comerciantes ECOS participaron na mañá deste martes 2 de xullo nun encontro que definiu as bases para a formación deste órgano de carácter consultivo. Por parte da Corporación Municipal tamén acudiron María Jesús Rodríguez, do Partido Popular, e Erea Rey, do BNG.
Nesta primeira reunión definiuse como finalidade última do Consello velar polas condicións que posibiliten a igualdade efectiva entre mulleres e homes, así como a plena participación das mulleres na vida cidadá, política, económica, social e cultural de Silleda.
Ademais, creouse un grupo de traballo encargado da redacción do regulamento interno que deberá recoller, como mínimo, os fins e os obxectivos finais polos que se constitúe este consello, xunto as funcións a desenvolver, a composición do mesmo e a definición das comisións de traballo.
Unha vez redactado e validado este regulamento por todas as asociacións participantes, elevarase ao pleno municipal, momento en que comezará o seu traballo efectivo. «É a gran oportunidade de poder contar en Silleda cun órgano consultivo no que as mulleres sexan axentes activos, o que vai resultar moi produtivo», afirma a alcaldesa.
Para dinamizar o Consello da Muller e incentivar a participación das asociacións, valoráronse xa diferentes actividades que poderían desenvolverse a través deste órgano, como a realización de estudos e informes sobre a situación das mulleres, campañas de sensibilización, a participación activa nos actos institucionais do 8 de marzo e do 25 de novembro, o seguimento do V Plan de Igualdade e a redacción do seguinte plan.
Tamén se considerou a organización de mesas redondas, charlas con expertos en igualdade, obradoiros de formación e habilidades sociais, así como a participación en foros nacionais e internacionais, tanto de xeito presencial como en apoio a campañas e redes.
Este consello das mulleres pretende, ademais, promover a constitución de novas asociacións de mulleres e a participación de líderes, tanto femininos como masculinos, así como de axentes locais con formación en xénero. «Queremos potenciar a participación das mulleres a través de todos os medios ao noso alcance, pero tendo en conta que deben ser en todo momento participes do deseño e da posta en marcha das accións», insistiu Paula Fernández.