O Concello de Silleda incorpora dúas persoas graduadas a través do programa Máis Emprega da Deputación de Pontevedra

O Concello de Silleda vén de incorporar  a dous novos traballadores municipais a través do programa Máis Emprega da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa destinada a favorecer a inserción laboral de persoas mozas tituladas que acceden por primeira vez a un posto na Administración pública.

As través deste programa incorporouse este mes un graduado en Ciencias Políticas e outro en Dereito, para desenvolver o seu traballo durante un ano no Concello de Silleda, en áreas vinculadas á xestión pública, a igualdade e a dinamización institucional.

O programa Máis Emprega ten como obxectivo fomentar a empregabilidade e ofrecer unha primeira experiencia profesional en entidades locais, promovendo o desenvolvemento de competencias, habilidades e valores asociados á función pública e á mellora da empregabilidade.

A alcaldesa, Paula Fernández Pena, destacou “a importancia de programas como este, que permiten ofrecer oportunidades laborais á mocidade titulada e reforzar ao mesmo tempo o funcionamento diario da administración local”.

A Deputación de Pontevedra subvenciona estes dous postos, mentres que o Concello de Silleda se encargou o proceso de selección das persoas candidatas, cumprindo cos requisitos establecidos na convocatoria provincial.

“O Concello leva anos participando neste programa, que está a ser unha excelente ponte entre a formación universitaria e a experiencia profesional real, ofrecendo ás persoas mozas unha primeira oportunidade nun entorno público”, engadiu Fernández Pena.