Tamén se comezaron a colocar pictogramas nos parques infantís
No marco do programa de mellora da seguridade peonil que está a impulsar, o goberno local de Silleda vén de implantarse unha acción pioneira destinada a facilitar a circulación de nenas e nenos con neurodiverxencia.
Aproveitando os traballos de renovación da sinalización horizontal nos cascos urbanos, estanse a pintar pictogramas nos pasos de peóns para axudar a estes pequenos a comprender mellor as accións necesarias para cruzar as rúas de forma segura: deter o paso, mirar, agardar a que o coche se deteña e, finalmente, cruzar.
Esta medida busca garantir que as persoas con necesidades específicas atopen un entorno máis seguro e accesible nas rúas de Silleda. “Queremos que todas as persoas, principalmente os máis pequenos, desfruten das rúas con seguridade”, destacou a alcaldesa e responsable de Xestión Urbana, Paula Fernández.
A acción súmase a outras melloras na seguridade peonil, como a renovación da iluminación e da sinalización nos pasos de peóns, co obxectivo de aumentar a visibilidade e protexer a todas as persoas usuarias das vías públicas. “Os pasos de peóns da N-525 en Silleda teñen agora unha intensidade lumínica superior que vai protexer as persoas que os usen”, afirmou Paula Fernández.
Pictogramas nos xogos dos parques
Por outra banda, e coincidindo co Día Internacional das persoas con Discapacidade, este martes 3 de decembro comezaron a instalarse nos parques infantís do municipio pictogramas nos elementos de xogo dos parques infantís. A acción iniciouse no parque da Bandeira e continuará nos vindeiros días nos da vila de Silleda, a fin de facilitar o seu uso pola rapazada con neurodiverxencia e garantindo un uso seguro dos distintos elementos de xogo.
Con estas novas accións preténdese garantir que os espazos públicos de Silleda sexan accesibles e seguros para todas e todos, fomentando unha convivencia urbana máis inclusiva “o noso obxectivo é moi claro: queremos unha silleda accesible”.
O goberno local reitera o seu compromiso coa mellora continua da mobilidade e da seguridade no municipio, atendendo especialmente ás necesidades dos colectivos máis vulnerables.