-Convoca unha reunión informativa para tódolos interesados o próximo martes 23, ás 20:00 horas
Silleda, 15 de febreiro de 2016-. A Consellería de Infraestruturas e Vivenda ven de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases para a concesión das axudas para a rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito da área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago.
Técnicos da Consellería achegaranse ata o concello de Silleda para informar a tódolos interesados sobre as actuacións subvencionables e o proceso para solicitar as axudas.
En próximos días serán convocados os veciños das doce parroquias afectadas para que os interesados se acheguen á reunión, que terá lugar o próximo martes, día 23, ás 20:00 horas, na Casa de Cultura de Silleda.
As axudas da ARI, (Áreas de Rehabilitación Integral), dos Camiños de Santiago, consisten nunha subvención do 35 por cen do presuposto protexible, axuda que pode chegar ata os 11.000 euros.
Pódense beneficiar tódalas vivendas que cumpran os requisitos e que estean emprazadas nas parroquias polas que discorre algunha das sete rutas do Camiño de Santiago.
No concello de Silleda afecta ás parroquias de Chapa, Cira, Dornelas, Lamela, Margaride, Manduas, Moalde, Negreiros, Piñeiro, Siador, Taboada, e a zona do trazado do camiño en Silleda.