Silleda, 9 de setembro de 2016. O vindeiro mércores día 14 comezarán a realizarse as labores de limpeza e desbroce do Castro de Toiriz, en Silleda. O alcalde, Manuel Cuiña, e a concelleira de Turismo, Ana Luisa González, visitaron a zona xunto co responsable da empresa local que se encargará de executar os traballos.
Dende hai varios días, o goberno municipal xa tiña solicitado orzamento para acometer estes traballos, á vista do retraso na actuación prevista mediante o acordo entre o Ministerio de Fomento e a Deputación de Pontevedra.
“Como xa dixemos no seu día no Pleno, se en agosto ou setembro non se tiveran acometido estes traballos de limpeza a través dese convenio, asumiría os traballos o Concello”, explica a concelleira Ana Luisa González, que engade que “unha vez confirmado que ese convenio queda en suspense, xa que Fomento non é capaz de concretar datas, asumiremos os traballos tal e como xa se avanzara”.
O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, lamenta que o programa, anunciado en marzo de 2015 siga sen concretarse por parte de Fomento, que tiña previsto aportar 6,5 millóns de euros para varios castros da provincia.