Silleda, 24 de xuño de 2015. O Concello de Silleda xa iniciou os traballos previos para o trasdado da Escola de Música Municipal ao edificio do recinto feiral.
O concelleiro de Obras, Klaus Brey, e o arquitecto Abraham Castro, visitaron hoxe as dependencias para ultimar os detalles das primeiras obras, que se iniciarán a vindeira semana con operarios municipais.
Estes traballos consistirán no derribo de tabiques, retirada de falsos teitos e desmontaxe de lavabos e outro mobiliario. “Estas tarefas iniciaranse a vindeira semana, con toda probabilidade xa o luns, con operarios municipais”, explica o concelleiro de Obras.
A estes traballos súmase o acondicionamento de toda a instalación de electricidade e auga. Así, dende o Concello xa se encargou o proxecto para a separación de contadores e outros trámites administrativos, cun custe de 1.300 euros. Despois, en virtude do proxecto realizaranse máis inversión nestas instalacións.
Estudio acústico e licitación por 60.000 euros
Unha vez rematado o derribo dos tabiques, realizarase un estudio acústico do local. En canto este último esté listo, dende o Concello xa se licitarán as obras de acondicionamento, por valor de 60.000 euros.
“Nos orzamentos que se levarán ao pleno do vindeiro martes xa figura unha partida por esta cantidade , que se suma á inversión que se fai agora cos traballos previos”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.
Está previsto que o edificio, agora de titularidade municipal logo do acordo entre o Concello de Silleda e a Fundación Semana Verde, esté preparado para albergar o inicio do curso o vindeiro mes de setembro.