Silleda, 28 de agosto de 2017. O Concello de Silleda instalará nos vindeiros meses un total de dez estufas de pellets noutros tantos centros sociais do rural. Esta dotación, nos locais parroquiais que na actualidade non dispoñen destas estufas, instalaránse nos centros de Refoxos, Fiestras, Parada, Margaride, Chapa, O Curro (Cira), Piñeiro, Cervaña, Martixe e Carboeiro.
A actuación lévase a cabo a través dunha liña de subvencións con fondos da Unión Europea. Así, dos 2.117,50 euros que custa cada unha delas, esta entidade subvenciona un total de 1.694 euros.
“Na última ronda de reunión nas parroquias que tivemos comprobamos que quedaban localidades que aínda non dispoñen deste tipo de instalacións que sí figuran noutros centros sociais, polo que con esta actuación damos resposta a unha das demandas comúns nestas localidades”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.
Coa colocación destas estufas as parroquias antes citadas disporán dun novo servizo para poder realizar actividades durante o inverno nos locais sociais. “Nos últimos anos fomos realizando melloras, moitas delas en colaboración cos colectivos veciñais, e agora continuamos completando a colocación destas estufas de pellets nos lugares que aínda non dispoñen delas”, engade Cuiña.
Casa da Xuventude e Centros dos Maiores
Por outra banda, tamén se procederá á colocación de caldeiras de pellets na Casa da Xuventude, e os Centros Sociais dos Maiores de Silleda e da Bandeira, tamén con cargo á subvención da Unión Europea mediante o INEGA.