Actuarase en varios accesos con cargo á axuda do Plan de Rehabilitación de Camiños de zonas de Concentración ou Reestruturación Parcelaria
O Concello de Silleda continúa a mellorar a extensa rede viaria no rural. Así, ademais de actuacións como a mellora integral da pista de Rabo de Gato, en Moalde, (con cargo ao Plan Marco) e de varios viais en Refoxos e Manduas (que se acometerán cos fondos que lle corresponden a Silleda do Plan Máis Provincia), tamén se vén de aprobar outro proxecto para realizar actuacións nas parroquias de Saídres, Laro e Breixa.
Neste caso, as actuacións faranse con cargo á axuda do Plan de Rehabilitación de Camiños de zonas de Concentración ou Reestruturación Parcelaria (2023-24), asumindo tamén a parte que lle corresponde ao Concello a través dos fondos de Máis Provincia.
Na parroquia de Laro, farase a mellora do vial que dá acceso ao lugar da Pereira, en Saídres actuarase na pista de Maragouzos e no caso de Breixa, o vial do lugar de Breixiña.
O proxecto ten un orzamento de 184.917,61 euros e procederase á licitación das obras nas vindeiras semanas.
“Con esta nova actuación, continuamos a mellorar a rede viaria municipal de Silleda”, indica a alcaldesa, Paula Fernández.
Ao mesmo tempo, o equipo de vías e obras continúa a realizar obras de reparación en distintas vías do rural, dende que a mediados de abril se incorporarán novas persoas como operarias contratadas a través da liña 3 do programa Máis Provincia da Deputación de Pontevedra.