O Concello de Silleda lanza novos talleres de formación en marketing dixital e SEO no Viveiro de Empresas

O obxectivo destas formacións é promover a capacitación dixital da veciñanza

Os obradoiros impartiranse os mércores 13 e 20 de novembro de 19:00 a 21:00 horas

O Concello de Silleda, en colaboración coa Fundación Roberto Rivas, ofrece durante o mes de novembro dous novos talleres de formación 100% presenciais no Viveiro de Empresas, dirixidos a persoas interesadas en mellorar as súas habilidades en marketing dixital e posicionamento SEO. Estas formacións serán impartidas por Maia Comunicación, recoñecidos profesionais con máis de 20 anos de experiencia no ámbito da comunicación dixital.

O primeiro taller, Marketing Dixital: Publicación de contido, terá lugar o vindeiro 13 de novembro. Durante esta sesión, os asistentes aprenderán a planificar e organizar as súas publicacións en redes sociais, ademais de mellorar a segmentación e a estratexia de campañas. Entre os temas a tratar están a creación dun calendario de publicacións e programación de contido, explorar as vantaxes e desvantaxes do contido duplicado en diferentes redes, a identificación e segmentación do público obxectivo, a análise da competencia en redes sociais, a creación dun plan de contido mensual e a selección das redes sociais máis axeitadas para cada obxectivo. É importante que os asistentes traian un portátil para realizar as prácticas.

O segundo taller, SEO: Como mellorar o teu posicionamento sen morrer no intento, celebrarase o 20 de novembro. Esta formación abordará as claves para mellorar a visibilidade das páxinas web nos buscadores, afondando en temas como: Fundamentos do SEO e a súa importancia, diferenzas entre SEO On-Page e SEO Off-Page, funcionamento dos motores de busca e investigación de palabras clave, estratexias de link building e ferramentas como Google Keyword Planner, Ubersuggest, e SEMrush, estratexias éticas de SEO (White Hat SEO) e prácticas a evitar (Black Hat SEO) e casos de éxito en SEO como Patagonia e Isra Bravo.

Os dous talleres impartiranse nun horario de 19:00 a 21:00 horas.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse a través da páxina web da Fundación Roberto Rivas premendo neste seguinte enlace.

Estes talleres forman parte da aposta do Concello de Silleda por fomentar a capacitación dixital da súa veciñanza, ofrecendo oportunidades para mellorar a súa competitividade no mercado laboral e na xestión de negocios.