O Concello de Silleda lanza o seu ‘Plan de Voluntariado’ no Día Internacional das Persoas Voluntarias

O obxectivo é fomentar a participación cidadá e fortalecer o tecido comunitario a través do voluntariado.

Este xoves 5 de decembro haberá sesións informativas na rúa para achegar á iniciativa á veciñanza

Coincidindo co Día Internacional das Persoas Voluntarias, o Concello de Silleda lanzará o Plan Municipal de Voluntariado aprobado o pasado mes de outubro. Esta iniciativa busca fomentar a participación cidadá e fortalecer o tecido comunitario a través do voluntariado.

Así, este  xoves 5 de decembro, data na que se celebra o Día Internacional das Persoas Voluntarias, o Concello de Silleda levará a cabo sesións informativas na rúa para achegar o plan á veciñanza. Durante toda a xornada, haberá un punto informativo na praza Siñor Afranio, fronte á casa do Concello, onde se explicará o Plan, así como as diferentes oportunidades para implicarse nas actividades comunitarias.

Formación para  Voluntariado Social e Cultural

Nesta primeira etapa informativa farase especial fincapé no voluntariado social, coa fin de establecer un plan de loita contra a soidade non desexada durante este Nadal. Tamén se traballará para crear unha rede que participe nas distintas  actividades culturais e deportivas programadas para as vindeiras datas. Estas áreas foron seleccionadas debido á súa relevancia e impacto inmediato na comunidade. Todas as persoas que se anoten recibirán formación específica para garantir unha intervención eficaz e adecuada nas distintas actividades.

Ademais, o Concello de Silleda xa conta cun grupo de persoas voluntarias na xestión de colonias felinas, un exemplo do compromiso e da capacidade organizativa da comunidade local.

Dende o Concello, a alcaldesa Paula Fernández anima a todas as persoas interesadas a unirse e colaborar nestas e outras áreas de voluntariado, coñecer máis sobre  esta actividade, e se así o desexan, inscribirse. A participación activa da comunidade é esencial para o éxito deste plan e para seguir construíndo unha Silleda máis solidaria e unida.