O goberno municipal solicitou á Deputación sumarse ao novo convenio da entidade provincial para ampliar a xestión deste grupos
O executivo destaca a colaboración veciñal como clave para estas tarefas, contando xa a día de hoxe con cinco persoas voluntarias ás que agradece a súa participación
O Concello de Silleda segue a traballar no ámbito da xestión das colonias felinas. Nos últimos días legalizáronse outras tres, co que en total son xa 7 as colonias formalmente dadas de alta.
Así se reflexa no acordo da Xunta de Goberno local, no que tamén se decidiu sumarse á nova proposta da Deputación de Pontevedra para poder ampliar a axuda que brinda o organismo provincial ás entidades locais para a xestión destas colonias felinas, e que ata o momento se centra na esterilización dos animais.
Con este novo convenio ábrese tamén a posibilidade de que a Deputación recolla tamén os animais na localidade.
O pasado mes de xullo, o Concello de Silleda iniciou o proceso para a xestión das colonias co desenvolvemento do chamado método CER (Captura, esterilización e retorno dos gatos ao seu territorio), un procedemento que reduce as enfermidades infecciosas e permite manter estable, e mesmo diminuír, a poboación animal.
A dia de hoxe, en Silleda hai sete colonias xa rexistradas tanto no entorno urbano como nas parroquias do rural, localizadas grazas a colaboración cidadá. “A participación da veciñanza é clave para que dende a Administración poidamos actuar na xestión das colonias felinas”, remarca a alcaldesa, Paula Fernández, quen agradeceu a colaboración da veciñanza e, en particular, das persoas voluntarias que nas vindeiras semanas comezarán a participar no plan municipal.
Neste momento o Concello de Silleda conta con 5 persoas voluntarias autorizadas coas que se manterá nos vindeiros días unha reunión de cara a organizar e establecer a súa participación no proceso.
Todas aquelas que desexen participar no Plan Municipal de Xestión das Colonias Felinas deben inscribirse no concello, cubrindo un formulario que se atopa dispoñible na páxina web municipal.
Este procedemento ten por obxectivo controlar a poboación dos gatos aplicando o método CER, co que se realiza un control sanitario ao tempo que, grazas á esterilización do 75 por centro dos integrantes, estabiliza a poboación de gatos nas rúas para que vaia diminuíndo e mesmo quede erradicada.
En concreto, o Concello de Silleda propón no seu plan unha serie de pasos que comeza pola captura dos gatos para proceder a desparasitalos e vacinalos, esterilizados e identificalos, antes de devolvelos ao seu territorio de orixe, que estará limpo e desinfectado. Unha vez alí, serán alimentados e vixiados co fin de facer un seguimento.
Os beneficios deste método de colonias felinas tradúcese nun descenso de enfermidades infecciosas, a hixienización da zona e a diminución progresiva de membros da colonia. Ademais, está demostrado que a esterilización dos machos evita desprazamentos para buscar parella e, así, o perigo de accidentes e atropelos.