O Concello de Silleda lembra a prohibición de parar e estacionar durante a fin de semana no desvío da N-525 na Bandeira

-A estrada nacional córtase o venres pola tarde e estarao ata a madrugada do luns con motivo das Festas de Verán, afectando as restriccións a outras rúas adxacentes

– Mañá mércores estará pechada ao tráfico a rúa Camilo José Cela, onde se celebrará o Entroido de Verán

-Suspendidos no municipio ata novo aviso os fogos artificiais polo risco de incendios

Silleda, 19 de agosto de 2025. A estrada N-525 ao seu paso pola localidade da Bandeira volverá pecharse ao tráfico un ano máis con motivo das Festas de Verán. O Ministerio de Transportes e Mobilidade aceptou a solicitude formulada dende o Concello para proceder ao corte entre este venres día 22 (a partir das 16:00 horas) e ata a madrugada do vindeiro luns 25.

Dende o goberno municipal agradécese á Administración central que volvan permitir o desvío do tráfico, unha medida moi necesaria por motivos de seguridade dada a gran afluencia de persoas que se achegan durante estes días á localidade.

Así mesmo, e ao igual que en anos anteriores, faise un chamamento á colaboración cidadá lembrando que está prohibido parar e aparcar en todas as rúas nas que se habilitará o desvío (primeiro tramo de Fernando Penoucos, rúa do Parque e o tramo de Ramón de Valenzuela, dende a rúa do Parque ata o enlace novamente ca estrada nacional ). Solicítase a colaboración cidadá para respectar as sinais de tráfico e lograr que as festas transcorran sen contratempos.

Ademais de bandos informando dos cortes, que xa se colocaron por toda a vila,  tamén se colocarán novamente avisos para lembrar aos veciños e visitantes a prohibición de estacionar nas rúas nas que se habilita o desvío durante as tres xornadas e nas tamén se procederá nas próximas horas á retirada de colectores de lixo, xa que non pode haber ningún obstáculo nin vehículos no arcén.

O venres, antes de proceder ao corte da estrada nacional para habilitar, tamén se fará efectiva a prohibición de estacionar na rúa Xeral, en plena nacional, dende as 14:00 horas.

Corte de rúas e restriccións de estacionamento

Por outra banda, mañá mercores estará pechada ao tráfico e non se poderá estacionar na rúa Camilo José Cela, onde se celebrarán actividades infantís e o Entroido de Verán.

O corte da estrada nacional afectará tamén a outras rúas adxacentes. Así, dende o venres pola tarde cando se habilite o desvío quedarán pechadas ao tráfico (permitindo só o paso a residentes) a rúa da Empanada  ata o cruce ca rúa Lavadoiro, onde non se poderá circular nin estacionar.   

A rúa Lourás, dende o cruce con Travesía de Vista Alegre Rúa Lourás é outra das vías afectadas.

Dende o Concello de Silleda vénse traballando nos últimos días en coordinación ca Asociación Amigos da Festa da Empanada da Bandeira, que organiza o evento, para artellar todo o operativo de seguridade e montaxe das celebracións, ca Festa da Empanada na xornada do sábado 2e como prato forte do amplo programa de actividades.

Durante as festas habilitarase tamén zonas de estacionamento gratuitas, como o prado cercano á carballeira, con acceso dende a rúa Chousa Grande.

Sen fogos artificiais pola situación de risco extremo de incendios

Por outra banda, o Concello de Silleda denegou a autorización para a tirada de fogos artificiais prevista na Festa da Empanada da Bandeira, ao coincidir coa declaración de risco extremo de incendios forestais (IRDI) no termo municipal.

A alcaldesa, Paula Fernández Pena, sinalou que a medida -que está amparada na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e responde a criterios de seguridade, continuará en todo o municipio ata novo aviso. “Lamentamos moito ter que adoptar esta decisión, pero o principal é que as festas poidan celebrarse con todas as garantías de seguridade para a veciñanza e coa protección do noso entorno natural”.

Dende o Concello sublíñase que, á marxe desta suspensión, a Festa da Empanada manterá toda a súa programación cultural e gastronómica, consolidándose un ano máis como unha das grandes citas festivas de Galicia.