Silleda, 23 de maio de 2017. Este xoves día 25 a Corporación municipal de Silleda celebrará un novo pleno ordinario no que se debatirá a aprobación inicial da Ordenanza Reguladora das Axudas de Emerxencia Social do Concello de Silleda. Dende o departamento municipal de Benestar Social, búscase así regular as prestacións sociais de carácter económico para situacións de especial necesidade individual, familiar e/ou da unidade de convivencia que se veñen outorgando.
Deste xeito, os servizos sociais constitúense como medio instrumental organizado da acción social que emana do exercicio pleno da competencia da asistencia social.
Este tipo de axudas económicas deberán concederse seguindo os criterios xerais establecidos na Ordenanza, e mediante unha valoración profesional que teña en conta os distintos aspectos que se desenvolven neste regulamento.Entre os requisitos figuran cuestións como estar empadroado e ter residencia efectiva en Silleda cunha antelación mínima de 6 meses no momento da solictiude e non dispor de ingresos suficientes para afrontar os gastos derigados da situación de emerxencia social.
A ordenanza recolle tamén un baremo económico, e situacións de exepcionalidade que atendan á situación sociofamiliar, situación de risco e/ou exclusión social, entre outros.
A normativa proposta establece tamén a tipoloxía das axudas. Así, contémplase axudas para atención dos gastos derivados da vivenda habitual (gastos de aluguer, débedas de subministros de luz, gas, auga.., equipamento básico da vivenda habitual e reparacións menores de urxente necesidade… Tamén figuran gastos de atención sanitaria e outros tratamentos, axudas escolares, e outros gastos polivalentes sempre que os solicitantes en precariedade econóica cumplan os requisitos.
A ordenanza recolle tamén os documentos a presentar e a tramitación que debe realizarse. “Con esta ordenanza continuamos a regular a concesión de axudas sociais que xa se veñen outorgando, sempre previo informe dos Servizos Sociais”, engade o alcalde.
Na orde do día do Pleno figura además a Modificación das bases de execución do orzamento de 2017, trámite para adaptar o orzamento á nova normativa estatal de control interno, ou un recoñecemento extraxudicial de crédito para abonar dúas facturas que non foron rexistradas no pasado exercicio.
A comisión informativa celebrouse hoxe no Concello, coa aprobación destes puntos que quedaron dictaminados por unanimidade para a sesión do xoves.