Silleda, 8 de xuño de 2020. O Concello de Silleda vén de licitar distintos subministros e actuacións que foron aprobadas a pasada semana pola Xunta de Goberno Local.
Así, sae a concurso, mediante contrato aberto simplificado o acondicionamento e instalación do proxecto para instalación de ximnasio en aula polivalente do Centro Cultural Vista Alegre, por un importe de 27.111,67 euros (IVE incluído).
O prazo de execución desta obra para a que o Concello de Silleda aporta a maior parte (14.775,86 euros) e o 45% restante se financia a través do Programa Leader, coa convocatoria do Agader, é de 1 mes.
O prego de condicións e as cuestións relativas á presentación das ofertas (nun prazo de 10 días hábiles) poden consultarse no perfil do contratante da Sede Electrónica do Concello, asi como na páxina web municipal.
Esta actuación estaba prevista xa dende hai meses, toda vez que o Agader deu o visto bo a este proxecto.
Mellora do vial en Saídres, por 173.248 euros
Outro das actuacións que se licitan a partir de hoxe é a mellora integral da pista que comunica a parroquia de Saídres, unha actuación que se financiará a través do Plan Concellos da Deputación 2020. A obra sae a concurso cun orzamento de licitación de 173.248,60 euros (IVE incluído) e cun prazo de execución estimado de 2 meses. As empresas teñen un prazo de 13 días naturais para presentar ofertas.
Así mesmo, o Concello de Silleda vén de licitar o subministro de maquinaria para o departamento de Obras e Servizos, dotación que tamén se levará a cabo ao igual que a pista de Saídres a través do Plan Concellos da Deputación.
Neste caso sae a concurso a dotación dun camión con extendedora para obra pública, por importe de 105.000 euros e dunha máquina para a compactación en obras de terra e asfaltado, cun importe de licitación de 39.798 euros. O prazo para presentar ofertas é tamén de 10 días hábiles contados a partir da publicación.
Trátase de equipamentos moi necesarios para mellorar o servizo de obras, xa que a maquinaria actual acusa o deterioro de moitos anos de utilización.
Estas 4 licitacións foron publicadas hoxe no Perfil do Contratante do Concello de Silleda (disponible tanto na web municipal como na Sede Electrónica) e na Plataforma de Contratación do Estado.