-O Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico vén de confirmar a resolución favorable á proposta de Silleda, a través do DUS 5000, dentro das medidas de mobilidade sustentable. O proxecto suporá un investimento de máis de 1 millón de euros.
Silleda, 19 de xullo de 2022. O Concello de Silleda vén de recibir a confirmación dun dos proxectos presentados o pasado mes de novembro á liña de subvencións do DUS 5000, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.
Trátase dun investimento histórico, cun total de 1.053.739,23 euros, dos que o Ministerio subvencionará a maior parte con 814.056,05 euros.
O proxecto definitivo, denominado “Mellora da mobilidade peonil e rexeneración urbana no centro da Bandeira”, estase a redactar a través da Rede Ágora da Deputación de Pontevedra, da que forma parte o Concello de Silleda.
“É unha resolución histórica para o noso municipio”, indica o rexedor Manuel Cuiña, amosando a súa satisfacción pola consecución desta axuda financiada con fondos Next Generation da UE.
A actuación consiste na mellora da mobilidade peonil e rexeneración urbana tanto na praza Juan Salgueiro da Bandeira como nas rúas da súa contorna. Así, ampliarase a zona de praza e contarase con plataforma única nas rúas renque do Peixe, Renque da Froita, e rúa dos Pendellos.
Tamén se actuará sobre a travesía Vista Alegre, que se urbanización, creando un carril único e beirarrúas polas dúas marxes, ao igual que no tramo que vai dende esta ata a rúa Xeral.
Tamén se renovará todo o alumeado da zona, diminuíndo o consumo anual de enerxía e cun aforro estimado do 21,4 por centro, e instalando ademais 20 novos puntos de luz.
Colocarase novo mobiliario,bancos, así como zonas axardinadas, sinalización e outros elementos.
A mellora tanto da praza da Bandeira como das rúas do seu entorno, busca rexenerar o centro da vila, con distintas propostas que teñen á mobilidade peonil e ao aforro enerxético como protagonistas desta iniciativa, que se presentou ao programa DUS 5000, xestionado tamén polo Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético (IDAE), o pasado mes de novembro.
“Deste xeito, continuamos conseguindo novos investimentos para o noso territorio, apostando por un deseño urbano máis sostible”, explica o alcalde, Manuel Cuiña, lembrando que tamén a través do IDAE se executou a reforma da rúa Progreso en Silleda.
“A boa situación económica do Concello de Silleda, cos remanentes que agora existen, permite ademais poder concorrer a este tipo de axudas”, lembra o alcalde.
Reforma do Parque Infantil, modificación no vindeiro pleno
Do mesmo xeito, tamén esa solvencia económica permite a día de hoxe acometer investimentos como a renovación total do parque infantil da Bandeira, que tamén se ampliará, nos vindeiros meses.
O proxecto será financiado íntegramente polo Concello de Silleda, para o que se levará o pleno ordinario deste mes unha modificación orzamentaria por valor de 109.985,64 euros, a fin de licitar dita actuación.
Este proxecto adaptarase e integrarase ca remodelación da praza.
Dende o Concello de Silleda continuarase a traballar no deseño de estratexias para acadar novas vías de financiación, a través dos fondos europeos, que permitan acometer tamén outras inversións e accións formativas.
“Estas convocatorias supoñen unha importante oportunidade para municipios como Silleda, por iso seguiremos traballando para conseguir a través deles financiación para levar a cabo máis iniciativas”, explica Cuiña.