O Concello de Silleda vén de acometer unha serie de melloras significativas no parque infantil do CEIP Plurilingüe de Silleda, reforzando así o seu compromiso co benestar das nenas e nenos do centro educativo. Estas accións son parte dun esforzo continuo por aumentar a calidade dos espazos infantís do municipio.
No parque do CEIP Plurilingüe de Silleda, leváronse a cabo varias actuacións destacadas. Realizouse unha limpeza a fondo do caucho na zona dos bambas, asegurando un espazo máis seguro e limpo para o xogo. Ademais, barnizáronse todos os elementos de xogo e as mesas do patio, o que non só mellora a súa estética, senón que tamén prolonga a súa durabilidade. Como parte das melloras, incorporouse un novo bambán, ampliando así as opcións de xogo para as nenas e nenos.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, destacou a relevancia destas intervencións afirmando: “O noso compromiso é proporcionar espazos seguros e de calidade para as nenas e nenos. As melloras no parque do CEIP Plurilingüe de Silleda son un reflexo do noso traballo continuo para garantir o benestar da infancia no noso municipio. Queremos que cada nena e neno teña acceso a instalacións que favorezan o seu desenvolvemento e diversión.”
Estas melloras forman parte dun conxunto de accións que o Concello de Silleda vén levando a cabo noutros parques do municipio e que continuarán nos próximos meses. Cada intervención será realizada coa finalidade de ofrecer espazos seguros e estimulantes, onde as nenas e nenos poidan xogar e aprender nun entorno adecuado.