O Concello de Silleda mercará novos colectores a través dun convenio con Ecoembes

Silleda, 1 de agosto de 2017. O Concello de Silleda mercará nas vindeiras semanas  novos colectores para mellorar a recollida selectiva e a reciclaxe no municipio. Esta adquisición levarase a cabo mediante un convenio coa entidade Ecoembes, logo de que o pasado mes de xullo dende o departamento municipal de Medio Ambiente se solicitaran á Xunta novas unidades para continuar co proceso de mellora da recollida de lixo.

“Ainda que melloramos moitisimo o servizo coa implantación do sistema de carga lateral e a recente chegada da recollida selectiva ás 33 parroquias, segue sendo necesario renovar os colectores nalgúns puntos”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

Así, na misiva advertíase da necesidade de contar con colectores de envases lixeiros (amarelos) e tamén os destinados ao depósito de papel e cartón, para colocar estes últimos nas illas medioambientais á beira dos de carga lateral.

Agora, en base ao acordo con Ecoembes, o Concello recibirá un total de 8.000 euros (4.750 euros para colectores de envases lixeiros e 3.250 para a recollida de papel-cartón).

 

Unha vez asinado o acordo o Concello de Silleda dispón de tres meses para proceder á compra e colocación das novas unidades.

Dende o Concello de Silleda destácase a mellora sustancial do servizo logo de que en 2015 se instalaran os colectores de carga lateral en Silleda e Bandeira (agora colocados xa tamén nas poboacións atravesadas pola estrada nacional 525), e da implantación da recollida selectiva no rural, coa colocación de 128 colectores amarelos de 800 litros cada un nas 33 parroquias do rural.

Segundo datos facilitados por Urbaser, no mes de maio e ata o pasado 21 de xuño retiráranse en Silleda dos colectores amarelos un total de 2.830 kilos, unha cifra que da conta do nivel de conciencia e compromiso da cidadanía á hora de reciclar.

"Os resultados están a ser moi bos, por eso temos que agradecer aos veciños e veciñas á sua colaboración a hora de apostar pola reciclaxe e o cuidado do medio" indica o alcalde, Manuel Cuiña.

.

O depósito nos colectores amarelos, para envases de plástico, bricks e latas, é unha das claves no proceso de reciclaxe tendo en contra ademáis que se estima que o tempo de degradación do aluminio é de 400 anos, o do latón entre 20 e 40 anos e que o plástico tarda uns 500 anos.

“Se separamos ben para facer unha reciclaxe axeitada non só estaremos contribuíndo a manter o noso medio ambiente senon que tamén poderemos baixar o custe do servizo entre todos”, indica o alcalde, que fai un chamamento aos veciños para colaborar na correcta separación e reciclaxe.

Este servizo ven a sumarse no ámbito da xestión de residuos á recente instalación de dous mini puntos limpos en Silleda e na Bandeira ou ás campañas de recollida de plásticos que se realizan dende o Concello ao longo do ano.