O Concello de Silleda mercará unha parcela á Fundación Semana Verde para instalar a central da Rede de Calor

 

Silleda, 2 de marzo de 2018.  O Concello de Silleda adquirirá nas vindeiras semanas unha parcela do recinto Feira Internacional Abanca. Esta operación centrou o encontro entre o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e o director xerente da Fundación Semana Verde, Ricardo Durán, celebrada hai uns días e na que tamén se abordaron outras cuestións relativas á colaboración entre ámbalas dúas entidades.

No encontro, ao que tamén asistiron técnicos do Concello e da Fundación, abordáronse temas sobre a adquisión da parcela, que conta cunha superficie de 7.000 metros cuadrados. A finca está situada detrás do edificio da Escola Municipal de Música, “nun enclave privilexiado e cunha situación estratéxica para o noso municipio”, indica o alcalde.

A adquisición realizarase por 114.000 euros. Nesta parcela ubicarase a central de producción da rede de calor con biomasa, un dos proxectos municipais máis ambiciosos da lexislatura. Esta central ocupará aproximadamente uns 1.000 metros cadrados e ubicarase na parte máis próxima ao recinto.

Aprobada polo Padroado

A compra da parcela foi aprobada na última sesión do padroado da Fundación Semana Verde de Galicia, a petición do Concello de Silleda.

Os 6.000 metros restantes permitirán albergar, nun futuro, outras instalacións municipais para ofrecer distintos servizos á cidadanía. “Dende o goberno municipal consideramos que esta iniciativa é unha inversión de futuro para Silleda, que comezará coa central de calor, un proxecto pioneiro en Galicia que suporá grandes vantaxes para o noso municipio”, engade o alcalde.

Licitación nos vindeiros meses

A rede de calor de biomasa, que se abastecerá con astilla, suporá unha inversión de 816.587,67 euros, que se financiará a través das axudas para redes de distribución de enerxía térmica con equipos de xeración de biomasa do INEGA (653.270,13 euros) e con fondos municipais.

Con esta inciativa crearase unha rede de calor "District Heating" no entorno da zona deportiva da vila de Silleda, coa que subministrar calefacción e auga quente sanitaria a varios edificios conectados mediante tuberías preaisladas.  

Na primeira fase incluiranse  o pavillón polideportivo César Fares, o campo de fútbol de Outeiriño, a piscina municipal, a Escola Infantil A Galiña Azul e tamén o Hotel Vía Argentum.

Está previsto que nos vindeiros meses salga a concurso a construcción da rede para iniciar as obras durante o verán.

A rede de calor terá unha potencia de 1 megawatio e na primeira fase colocaranse case 2 kilómetros de tubería preasilada.  Na segunda fase conectaranse  á esta rede de calor outros edificios como a actual Casa da Cultura (futura Casa consistorial), a Escola de Música o CEIP de Silleda ou a Oficina Agraria Comarcal.

Con esta iniciativa deixaran de expulsarse ao medio nesta primeira fase 342 toneladas de CO2 ao ano, e 380 toneladas no segundo. O aforro económico, cunha reducción de 81.000 euros na primeira fase respecto ao consumo actual, súmase ás vantaxes desta rede, coa que tamén se aproveitará a biomasa forestal dos montes.

 “É un proxecto ambicioso que culmina a aposta deste Concello por enerxías limpas que vimos realizando nos últimos anos coa dotación de caldeiras de biomasa en edificios municipais ou placas fotovoltáicas, entre outros, unha iniciativa moi completa e á que se poderán enganchar nun futuro calquera cidadán”, explica o alcalde.