Silleda, 4 de novembro de 2016. O Concello de Silleda vén de brindarle ao Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos a posibilidade de celebrar algún evento corporativo, actos ou xornadas técnicas no municipio. “Pola nosa situación xeográfica estratéxica , no centro de Galicia, e contando con instalacións tanto municipais coma as do recinto Semana Verde e outros servizos, consideramos que Silleda ten moito potencial á hora de celebrar eventos deste tipo”, indica o rexedor, Manuel Cuiña.
O alcalde silledende mantivo un encontro co decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, Ricardo Babío Arcay, ao que tamén asistiu o secretario da entidade, Francisco Rosado Corral, e o enxeñeiro silledense Román Gómez Fraiz, no que se estableceu unha primeira toma de contacto entre o colexio e a entidade local.
No encontro falouse da posibilidade de que Silleda acolla algún congreso da entidade, xornadas técnicas ou a reunión para o fallo dos premios San Telmo.
Depois do encontro, o alcalde e os exeñeiros visitaron distintas instalacións municipais, hostaleiras e o recinto Feira Internacional de Galicia. “Dende o goberno municipal apostamos pola dinamización do municipio propiciando eventos deste tipo que repercuten en moitos ámbitos”, sinala o alcalde, lembrando por exemplo a rodaxe da serie “El final del Camino”, que se está a realizar dende o verán en Silleda.