O Concello de Silleda organiza unha sesión informativa sobre a depresión no marco do Plan Municipal de Saúde Mental

Terá lugar o vindeiro xoves día 22 de xaneiro na Casa do Concello ás 18:00 horas, aberta a toda a veciñanza e persoas interesadas

Silleda, 13 de xaneiro de 2026.- O Concello de Silleda continúa coa súa programación no marco do Plan Municipal de Saúde Mental e organiza para o vindeiro xoves 22 de xaneiro unha sesión informativa sobre a depresión, dirixida a toda a veciñanza, que terá lugar no Salón de Actos da Casa do Concello (segundo andar) ás 18:00 horas.

A actividade coincide co Día Mundial contra a Depresión, que se conmemora hoxe, martes 13 de xaneiro, unha xornada destinada a visibilizar un trastorno de saúde mental que afecta a millóns de persoas en todo o mundo e que, en moitos casos, continúa rodeado de estigmas e incomprensión. A depresión vai moito máis alá da tristeza puntual, podendo provocar un impacto significativo na vida persoal, familiar, social e laboral das persoas que a padecen, polo que resulta fundamental favorecer a información, a prevención e o acceso ao apoio axeitado.

Baixo o lema “Depresión, máis alá da tristeza: que é o que podemos facer”, esta sesión pretende poñer o foco na importancia da saúde mental e ofrecer ferramentas básicas para comprender este trastorno, detectar sinais de alerta e saber como actuar ou acompañar ás persoas afectadas. O Concello de Silleda destaca neste ámbito por ser un dos primeiros municipios en contar cun Plan Municipal de Saúde Mental propio, promovendo a participación da veciñanza e a creación de espazos seguros para compartir experiencias e recibir apoio.

A sesión será impartida por persoal especializado da asociación FEAFES Galicia (Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia), entidade á que o Concello agradece a súa colaboración na implantación deste programa municipal.

Desde o Concello de Silleda anímase á cidadanía a inscribirse ata o propio día da sesión a través do teléfono 986 59 20 37.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar, Ángela Troitiño, subliña que “a saúde mental é un piar básico no benestar das persoas, e está na man de todos e todas comprendela, normalizala e tratala coa importancia que merece”.