Silleda, 13 de outubro de 2015. O Concello de Silleda aprobou hoxe a primeira das subvencións concedidas con cargo ao Programa de Axudas Municipais a Emprendedores.
Este plan, unha das apostas do executivo para esta lexislatura, foi dotado inicialmente no orzamento con 15.000 euros para este ano. As axudas son a fondo perdido, subvencionado o 50% de distintos gastos de apertura, ata un máximo de 2.000 euros cada unha.
A Xunta de Goberno Local deu o visto bo na sesión celebrada hoxe á primeira destas axudas. Trátase da proposta de B.C. Peluqueros, dun veciño de Silleda, entidade que vén de abrir unha perruquería na rúa María Colmeiro da localidade. A subvención outorgada ten unha contía de 1.578,60 euros, cantidade que se corresponde co 50% da inversión xustificada polo solicitante, sen IVE.
A concelleira de Emprego, Ana Luisa González, explica que dende a aprobación das bases deste programa de axudas, que pode consultarse na páxina web municipal, “foron varias as persoas que se achegaron ata o Concello para consultar este plan co que queremos axudar aos emprendedores, colaborar de forma activa na xeración de emprego no municipio, apoiando a posta en marcha de novos proxectos empresariais”.
Así mesmo, a concelleira explica que a día de hoxe hai xa varias solicitudes que están pendentes de presentar a documentación. “Segundo vaian chegando as peticións dos emprendendores, no Concello estudiamos as propostas, comprobamos a documentación requerida para a súa correspondente avaliación e aprobación, se procede das axudas”, explica a concelleira.
Segundo recollen as bases, poderán acollerse a estas axudas os empresarios/as, autónomos e as pemes de Silleda que iniciaran a súa actividade dende o pasado 1 de xullo e ata o 31 de decembro.
As entidades deben de ter o seu enderezo no municipio, ser empresas de nova creación e como mínimo un dos promotores debe de estar en situación de desemprego ao inicio da actividade.
As axudas a fondo perdido teñen por finalidade subvencionar parte dos gastos da posta en marcha e funcionamento da empresa durante os primeiros meses de actividade. O importe das axudas será o 50% dos gastos efectuados no periodo inicial, cun máximo para cada unha das de 2.000 euros.
Poderán ser subvencionables os gastos de constitución e apertura (visado honorarios e gastos de proxectos técnicos, licenza de obra, alta no Rexistro Mercantil…); existencias iniciais de mercadorías; gastos de aluguer, vehículos de empresa, equipos informáticos.. subministros e gastos correntes…
Estas axudas serán ademais compatibles con outras concedidas por entidades públicas ou privadas, cumprindo unha serie de requisitos que recollerán tamén as bases.
Tramitación e seguimento
As solicitudes deben de presentarse por rexistro, cubrindo un formulario e anexos que están a disposición dos interesados e coa documentación que se especifica nas bases (memoria do proxecto empresarias, facturas de gastos, permisos…), e tamén se poden descargar da web municipal.
A Concellería de Emprego é encargada de elevar as propostas á Xunta de Goberno Local, órgano que resolverá sobre as axudas a conceder, e de facer un seguimento dos proxectos empresariais.
As solicitudes poden presentarse ata o 31 de decembro (ou ata esgotar orzamento).
“Este programa de axuda a emprendedores é unha das grandes apostas deste goberno para esta lexislatura. O fomento do emprego e o apoio aos nosos emprendedores e emprendedoras é un dos grandes retos, unha aposta que xa figuraba no noso programa electoral e que agora iniciamos coa posta en marcha desta iniciativa”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.
Para esta primeira fase do programa, ata decembro, hai unha partida orzamentaria de 15.000 euros e as previsións pasan por ampliar estas axudas nos orzamentos de 2016.
Ao mesmo tempo o goberno municipal de Silleda está xa a negociar con distintas entidades bancarias créditos en condicións vantaxosas para axudar tamén a estes emprendedores e emprendedoras de Silleda que se acollan ao plan municipal.