Silleda, 24 de agosto de 2015. O Concello de Silleda remitiu en semanas pasadas á Xunta de Galicia, como titular da estrada PO-211 (entre Silleda e a estación ferroviaria de O Castro), a solicitude para dotar de beirarrúas o primeiro tramo desta vía.
Así, pídese que se continúen as beirarrúas dende a avenida da Estación ata o centro social de O Castro, onde se atopan as pistas deportivas municipais de tenis e de pádel.
“Consideramos que se trata dunha iniciativa beneficiosa e moi necesaria para reforzar a seguridade neste tramo, sobre todo tendo en conta que aumentou a afluenza de xente que se achega ata as pistas a pé”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.
Así o recolle tamén o escrito presentado no Concello por veciños e usuarios desta estrada, acompañado de 68 firmas, nas que solicitan que se proceda a construcción das beirarrúas para garantir a seguridade dos viandantes.
Así mesmo, o escrito veciñal lembra que no ano 1998 procedeuse ao ensanche deste tramo, para o que os propietarios cederon gratuitamente terreos co compromiso de ser usados para a construcción de beirarrúas.
“A reclamación veciñal é máis que xusta, polo que agardamos que dende a Administración Autonómica, que agora é a titular desta vía, teña en consideración esta solicitude”, explica o alcalde.
Na petición, dende o Concello tamén se lembra que nesta zona se teñen producido situacións de perigo, e tamén algún atropelo.
Carril bici
Na proposta que se realiza dende o goberno municipal tamén se advirte da posibilidade de dotar o tramo, aproveitando a construcción de beirarrúas, dun carril bici “para facilitar tamén o acceso das persoas que se achegan en bicicleta ata as instalacións deportivas, que cada vez contan con maior afluenza de público”, engade.
Ademais advirte que coa continuación das beirarrúas dende a rotonda da Avenida da Estación, se completaría o circuito peonil periurbano, que vén de mellorarse coa nova dotación na estrada de Vilanova, ou o remate de aceras no tramo de Morón, con obras acometidas nos últimos meses.