Silleda, 20 de marzo de 2019. O Concello de Silleda é xa o primeiro municipio galego en asinar un convenio coa Fundación Banco Farmacéutico de Galicia, unha entidade que naceu co obxectivo de dar resposta ás necesidades actuáis de acceso aos medicamentos e tratamentos de persoas que non poden facerse cargo do copago.
O alcalde, Manuel Cuiña, e a presidenta da entidade, Noelia Romero, asinaron hoxe o convenio de colaboración polo que o Concello de Silleda e a citada fundación cofinanciarán, previo informe dos Servizos Sociais, os tratamentos das persoas que o precisen.
Deste xeito, o Concello de Silleda volve a ser pioneiro en políticas de benestar, sumándose este convenio a outras iniciativas coma a teleasistencia gratutia para os veciños e veciñas do municipio.
“As políticas sociais son e serán unha prioridade para este goberno”, indicou o alcalde, Manuel Cuiña, que lembrou que Silleda volve a adiantarse con este convenio “que agardamos sexa ventaxoso para os usuarios e usuarias”, engade.
Cuiña lembra ademais outras iniciativas de éxito nas que Silleda tamén foi municipio pioneiro, caso do convenio co Colexio de Enxeñeiros Industriais en Galicia, o primeiro que se asinou na Comunidade galega para contar cun enxeñeiro en prácticas, “coa exitosa Rede de Calor con biomasa como resultado”, engade.
O Banco Farmacéutico de Galicia conta ademais con outros ámbitos de actuación coma o financiamento de audífonos, tratamentos médicos denenos e nenas con distintas discapacidades e enfermedades raras, ou o apoio á investigación contra o cancro, principalmente no estudo da biopsia líquida por parte de Oncomet.
Na firma do acordo participaron tamén a concelleira de Benestar Social, Pili Peón e os os silledenses Miguel Villar (presidente de Amigos de Galicia) e ao farmacéutico Alfredo Garrido, que forman parte da Fundación como vicepresidentes.
Segundo o convenio, a fundación e o Concello de Silleda faránse cargo –ao 50%- do pago dos medicamentos dos veciños e veciñas de Silleda que non poidan facer fronte ao abono destes por cuestións económicas, sempre previo informe dos Servizos Sociais municipais. A financiación de certos tratamentos ou a adquisión de audífonos, próteses ou outros elementos ortopédicos necesarios, serán algúns dos recursos financiables a través deste convenio.
Con esta actuación, o Concello de Silleda segue avanzando na procura da mellora dos servizos ás familias con menos recursos e tamén en ofrecer mellores prestacións aos veciños e veciñas de Silleda.