-Operarios municipais están a realizar tarefas de mellora e acondicionamento no CEIP Ramón de Valenzuela e no CEIP de Silleda
Silleda, 10 de agosto de 2016. O Concello de Silleda continúa estes días realizando tarefas de mellora e acondicionamento nos centros educativos do municipio, de cara á posta a punto para o inicio do curso escolar o vindeiro mes de setembro.
Así, o equipo municipal de Obras e Servizos está a traballar estes días no CEIP Ramón de Valenzuela de Bandeira e o CEIP de Silleda, onde acometerán diversas actuacións.
No caso do CEIP da Bandeira estanse a realizar labores de limpeza no tellado e nas canais recolledoras de augas, que presentaban moita sucidade, tamén se repoñerán canais danadas na parte posterior do edificio, e se procederá ao selado das gretas que presentan as terrazas co fin de solucionar os problemas de humidade. Outro dos traballos a realizar polo servizo municipal no colexio de Bandeira será o arranxo do arame de cerre que tiña roturas en varias zonas.
O alcalde, Manuel Cuíña, visitou hoxe as dependencias escolares da Bandeira xunto coa concelleira de educación, Pili Peón, para supervisar os traballos e atender ás demandas do centro.
Outra das actuacións que se están a levar a cabo teñen lugar no CEIP de Silleda, onde se está acometendo o pintado en distintas zonas e o arranxo da entrada ao recinto pola porta situada na rúa da Estación, que acumulaba gran cantidade de auga nos días de choiva, dificultando así a entrada o recinto para os nenos.
Todos estes traballos que se están a acometer nos centros educativos do municipio por parte das brigadas municipais, son complementarios a outros que tamén está a realizar a Xunta de Galicia, como pode ser a substitución da caldeira de calefacción ou a reparación do tellado do edificio de infantil, no CEIP de Silleda.
Dende o concello agradecen á Xunta de Galicia as labores que están facendo, aínda que con moita tardanza, nos distintos centros, para a reparación das deficiencias dos mesmos, xa que son actuacións reclamadas dende hai anos dende a comunidade educativa, e esperan que a entidade non se esqueza de outros moitos problemas que presentan os colexios e das que xa teñen coñecemento.