O Concello de Silleda pon en marcha o Programa ACTIVA-DAS en colaboración ca asociación Acadar

A iniciativa está dirixida a mulleres con discapacidade e desenvolverase durante os días 18, 20 e 22 deste mes de novembro

Son tres obradoiros de intervención grupal nos que se traballará o recoñecemento e fortalecemento das súas capacidades propias, a mellora da autoestima e autocoidado e reforzaranse procesos de apoderamento individuais e colectivos

A Concelleira de Benestar e Igualdade do Concello de Silleda, Ángela Troitiño, mantivo unha reunión coas técnicas do departamento para coordinar a posta en marcha do Programa ACTIVA-DAS, en colaboración coa Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar). Este programa, que se desenvolverá ao longo do mes de novembro, está dirixido a mulleres con discapacidade do municipio, e conta co financiamento da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF, grazas á solidariedade das persoas contribuíntes que marcaron a casiña de Actividades de Interese Social.

O Programa ACTIVA-DAS estrutura as súas accións en tres obradoiros de intervención grupal os días 18, 20 e 22 deste mes, de 10:00 a 13:00 horas, na Casa da Xuventude de Silleda. Durante os encontros ás participantes traballarán o recoñecemento e fortalecemento das súas capacidades propias, mellorarán a súa autoestima e autocoidado e reforzarán procesos de apoderamento individuais e colectivos.

O programa abarca as seguintes temáticas:

  • Sensibilización das violencias cara as mulleres con discapacidade: un espazo para a toma de conciencia e identificación dos distintos tipos de violencia que poden afectar ás mulleres con discapacidade.
  • Reelaboración do impacto das violencias e fomento do autocoidado: obradoiro que procura fomentar o benestar emocional e físico, proporcionando ferramentas para manexar e superar as experiencias negativas.
  • Ferramentas de apoderamento e construción do diálogo interno compasivo: un espazo para aprender a desenvolver un diálogo interno positivo e xerar habilidades para o apoderamento persoal e colectivo.

O programa busca avanzar cara á igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, promovendo a participación e a presenza das mulleres con discapacidade nos ámbitos social, cultural e económico. Ademais, fomenta a creación de redes de apoio e cohesión entre as propias mulleres participantes, co obxectivo de reducir o illamento e mellorar a súa integración na comunidade.

As persoas interesadas en participar poden contactar a través do teléfono 986 592037 ou acudir aos Servizos Sociais do Concello.