Silleda, 13 de agosto de 2015. O Concello de Silleda poñerá en marcha nos vindeiros días o proxecto “Sírvase en galego”, unha iniciativa que ten por obxectivo promocionar e revitalizar o galego en círculos turísticos de xeito lúdico e ameno, ao tempo que se pon en valor o noso idoma.
O programa levarase a cabo co reparto dun total de 30.000 manteis de papel a distribuir entre establecementos do sector hostaleiro de Silleda, en concreto nos adicados á restauración e aloxamento.
Nos diseños dos manteis figurará unha relación coas consideradas as 100 palabras máis fermosas da nosa língua, traducidas tamén ao castelán.
Esta iniciativa está patrocinada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, logo de que o proxecto presentado polo Concello de Silleda á orde de subvencións ás entidades locais para a promoción do uso da língua galega obtivera o correspondente visto bo.
Nos vindeiros días dende a Concellería de Turismo, que dirixe Ana Luisa González, procederase a convocar ao sector hostaleiro, para explicar esta iniciativa e realizar o correspondente reparto dos manteis. “Neste encontro con membros do sector aproveitaremos tamén para falar doutros proxectos relacionados coa dinamización do sector hostaleiro no noso municipio”, engade a concelleira.
Entre os temas a tratar nesta convocatoria figura a promoción para crear unha asociación que aglutine ao sector da hostelería no termo municipal de Silleda.