O Concello de Silleda pon en marcha o proxecto de dinamización cultural “Trasdeza pinta o Camiño”

 Artistas locais e comunidade educativa participarán o vindeiro ano nesta iniciativa –ao amparo do programa O teu Xacobeo- para poñer en valor o patrimonio en torno ao Camiño de Santiago

 

Silleda, 12 de decembro de 2020.- O Concello de Silleda vén de poñer en marcha un proxecto de Dinamización cultural, que baixo o nome de Trasdeza pinta o Camiño poñerá en valor o patrimonio da ruta a Compostela. Esta iniciativa resultou beneficiaria do programa O Teu Xacobeo, da Xunta de Galicia, que patrocina o proxecto xunto co Concello de Silleda.

Os protagonistas desta proposta serán o patrimonio tanto natural como cultural e humano entorno ao tramo da Vía da Prata ou Camiño do Sudeste que atravesa o municipio de Silleda, dende Ponte Taboada ata Dornelas.

Participarán no programa artistas pictóricos que mediante un traballo colaborativo cos centros educativos identificarán e interpretarán os recursos do Camiño ao seu paso por Trasdeza.

Ao longo do proxecto están contempladas diferentes actividades, entre elas  traballo e saídas ao Camiño cos/as escolares, ruta interpretada, exhibición en vivo dos/as artistas, foro de pintura e exposición das obras realizadas.

O proxecto, en fase inicial de contacto cos/as participantes, está coordinado por Amarelas S. Coop. Galega, e as actividades principais transcorrerán durante os meses de xaneiro a abril de 2021.

A día de hoxe, dende a coordinación do proxecto, xa se contactou cos catro centros educativos do municipio, para expoñer a iniciativa e nos vindeiros días está previsto tamén pechar o listado dos e das artistas que participarán nesta proposta.